ALCALDÍA

O libro de honra do Concello conta xa coa sinatura do Premio Nobel da Paz 2005

20/09/2010 Mohamed ElBaradei asinou esta mañá no libro de Honra do Concello de Santiago en presenza do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. O premio Nobel da Paz en 2005 atópase en Santiago para participar no programa ConCiencia, organizado pola USC e o Consorcio da cidade.

A este diplomático exipcio recoñéceselle o seu esforzo por impedir a proliferación de armas nucleares, un asunto que o levou a criticar publicamente a Declaración das Azores que derivou na invasión de Iraq de 2003. ElBaradei estaba seguro da nula ou mínima capacidade dese país para fabricar armas nucleares.

Da súa carreira profesional destacan diversos postos diplomáticos en Ministerios e Organizacións Internacionais. En 1984 converteuse en membro da Secretaría da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (IAEA), exercendo primeiro como asesor legal e de 1997 a 2009 como director xeral.

Durante os seus mandatos xogou un papel clave na intermediación e inspección de armas de destrución masiva en Iraq e no control do armamento nuclear de Irán. Por esa razón en 2005 a Academia sueca concedeulle o Premio Nobel, premiando "os seus esforzos para evitar que a enerxía nuclear sexa usada con fins militares e asegurarse de que o faga con fins pacíficos da maneira máis segura".

Compartir: