BENESTAR SOCIAL

Os servizos da Concellería de Benestar Social reorganízanse con motivo da apertura da Casa das Asociacións

20/09/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, deu a coñecer en rolda de prensa os cambios que terán lugar no seu departamento debido á posta en funcionamento da Casa das Asociacións de Benestar Social, ubicada en Salgueiriños. Este centro, no que xa se están a celebrar actividades, estará plenamente operativo o 1 de outubro.

En virtude desta reorganización, dúas unidades de intervención especializada adscritas á área de Benestar Social e que actualmente se localizaban en Galeras, pasan a ubicarse na Casa de Salgueiriños. Trátase do equipo da Unidade do Plan de Inclusión Social e das educadoras da Unidade de Atención Familiar.

Segundo indicou a concelleira, este cambio de ubicación servirá para fortalecer as dúas unidades, xa o seu traballo se basea no ámbito da intervención comunitaria e na Casa de Servizos Sociais poderán manter un contacto máis estreito coas asociacións. Ata o de agora son 18 as entidades que solicitaron ter a sede social e a ubicación en Salgueiriños.

O Plan de Inclusión Social enmárcase nas políticas sociais do Concello de Santiago, que teñen como obxectivo central enfrontar as causas xeradoras de exclusión e marxinación social; na procura da inclusión social dos colectivos e grupos en situación de risco ou vulnerabilidade. Con esta meta, a administración municipal xestiona distintos programas de asistencia social para achegar axudas económicas de integración e emerxencia social, favorecer a inserción laboral, garantir o acceso a vivenda e o transporte públicos, dar cobertura sanitaria e propiciar a participación e a coordinación dos servizos sociais municipais co tecido asociativo do municipio co fin de poñer en marcha proxectos integrais de intervención comunitaria e optimizar os recursos existentes.

Pola súa banda, a Unidade de Atención ás Familias formase a finais de 2007 co ánimo de dar unha resposta integral de atención a infancia e adolescencia, atendendo os menores que presentan dificultades especiais e situacións de maior vulnerabilidade social, que requiran de intervencións especificas adaptadas a cada situación. Na actualidade, a UAF esta composta por dúas psicólogas, unha delas con funcións de coordinación na UAF, tres educadoras sociais e as traballadoras sociais das 14 UTS de zona.

Unidade de Atención ás Migracións
O espazo que queda libre no edificio central de Servizos Sociais, pasará a ser ocupado pola Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), ubicada actualmente na Praza de Camilo Díaz Baliño, nas proximidades da estación de Autobuses. O motivo deste cambio, segundo sinalou a concelleira, é centralizar a atención primaria. Cada vez son máis os inmigrantes que se achegan ata a Concellería para recibir as primeiras atencións e indicacións e que posteriormente son derivados á UAMI. Con esta reubicación, búscase ofrecer todos os servizos e a información que poidan necesitar no mesmo edificio.

A UAMI é un servizo para emigrantes retornados e inmigrantes no que se ofrece información e asesoramento na tramitación de permisos de residencia e traballo, visados, adquisición de nacionalidade ou agrupamento familiar; información acerca de programas formativos e de orientación laboral, e cantas axudas faciliten a súa inserción no mercado laboral; información sobre a Lei de extranxeiría e a normativa de desenvolvemento e asesoramento legal relacionado ca materia; e en xeral, orientación, asesoramento e tramitación de recursos sociais

Compartir: