MEDIO AMBIENTE

Ampliase o espazo das hortas de Belvís sumando 26 parcelas máis o que fai un total de 57

17/09/2010 O éxito das hortas municipais, iniciativa da concellaría de Medio Ambiente que dirixe Elvira Cienfuegos López, fixo que desde o departamento decidiran ampliar o espazo sumando 26 parcelas máis. Así, estas 26, unidas a 2 do anterior espazo que están sen dono neste momento, serán adxudicadas o vindeiro martes nun acto no Parque de Belvís. A distribución e superficies das hortas poden consultarse na páxina web www.compostelaviva.org.

Con esta adxudicación culmínase o proceso que comezou antes do verán para novos usuarios. Este xoves rematou o prazo de reclamacións da lista de agarda polo que xa hai un listado definitivo que será a base para a adxudicación destas parcelas. Na relación aparecen os admitidos nos diferentes grupos que contempla a Ordenanza Reguladora: grupos de veciños e veciñas do barrio e contorna que estean xubilados ou prexubilados; persoas xubiladas ou prexubiladas que non son do barrio; veciños e veciñas do barrio e contorna que non están prexubilados nin xubilados; así como persoas de outros barrios da cidade.

A adxudicación irase facendo por sorteo na orde dese listado tal e como indica a Ordenanza. Será o vindeiro martes no Parque de Belvís ás 19.00h. Ás 20.00h será o acto de entrega das hortas a cada un dos novos usuarios.

Desde o ano 2008, cando comezou esta experiencia pioneira en Galicia, a maioría das hortas de Belvís están a ser constantemente traballadas. Nelas hai agora unha gran variedade de plantas comestíbeis, ademais de aromáticas e ornamentais.

A concelleira do Medio Ambiente mostrou a súa satisfacción porque "a sensación que predomina entre os e as adxudicatarias é tamén de satisfacción, na medida en que se avanzou na consecución dos obxectivos previstos: contribuír á diversificación dos aproveitamentos dos parques, posibilitar neles usos tradicionais, contribuír á posta en valor da agricultura ecolóxica, aumentar a valoración do consumo de alimentos sans e de calidade, fomentar entre a veciñanza unha ocupación saudábel para o tempo de lecer e favorecer a convivencia interxeracional e a troca de coñecementos e experiencias". Por iso, visto o éxito da experiencia, se aumentan agora estas 26 parcelas que, sumadas ás 31 que xa había,. veñen a facer un total de 57 parcelas

As hortas municipais de Santiago tamén serviron de referencia para outros concellos de Galicia e de fóra dela, que se interesaron polo seu funcionamento e, en ocasións, viñeron visitalas. Tamén a Escola de Arquitectura da Coruña e a Universidade de Vigo se teñen interesados polas hortas.

Compartir: