PROMOCIÓN ECONÓMICA

Pistoletazo de saída ao seminario de coidadores familiares

17/09/2010 O rexedor compostelan, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou hoxe o seminario internacional Cosefamie (Competencias ao Servizo da Familia e do Emprego), pertencente ao programa europeo Leonardo da Vinci. O acto tivo lugar no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (Cersia), ubicado en San Lázaro, e contou tamén coa presenza do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias.

É o encontro final do proxecto Cosefamie. Coidadores familiares, pertencente ao programa europeo Leonardo da Vinci. O venres, día 17, está previsto presentar as conclusións do proxecto, que ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario que acredite profesionalmente aos/ás coidadores/as familiares que, de xeito informal, estiveron coidando a outra persoa.

Unha acreditación profesional común a toda a Unión Europea facilitará a incorporación ao mercado laboral dun colectivo con expectativas de inserción difícil, no que a maioría de integrantes son mulleres, moitas delas maiores.

Ademais, esta acreditación axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatas/os axeitadas/os que contan con experiencia.

Compartir: