ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa preocupación polo deterioro da xestión hospitalaria no CHUS

17/09/2010 O alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou hoxe a súa preocupación polo crecente deterioro da xestión no Hospital Universitario (CHUS) de Santiago de Compostela nos primeiros quince meses do novo goberno da Xunta de Galicia. Considerou que sobre este importante servizo sanitario estase exercendo unha presión, cuxos resultados ofrecen unha evolución que avala os peores prognósticos.

Na súa intervención, o alcalde dixo apoiarse nas cifras oficiais da propia Consellería de Sanidade, que nas listas de espera cirúrxicas arroxan un crecemento, entre marzo de 2009 e xuño de 2010, dun 32% no CHUS fronte ao 5% da media avaliada para toda Galicia. Datos nos que se reflicte que, dos 1.777 pacientes que hai a maiores, o 82% (1.458) corresponden ao centro hospitalario de Santiago. Sánchez Bugallo non quixo desvelar os datos extraoficiais que, segundo o seu coñecemento, son peores que os ofrecidos polo SERGAS.

O alcalde manifestou a súa prudencia cando o anterior xerente do CHUS, Jesús Caramés, a quen profesionalmente valorou moi positivamente do mesmo xeito que aos resultados da súa xestión, foi relevado polo mero feito de producirse un cambio de goberno na Xunta. Considerou que estes postos técnicos deberan responder aos resultados e non a simples criterios políticos. "Nese momento, en maio de 2009, dixo, abrimos un compás de espera, pero cos datos que na actualidade temos, a nova xestión supera os peores prognósticos que puideramos facernos entón".

Así o avalan os datos das listas de espera, a ausencia do Plan Estratéxico e o Plan Director elaborados pola Consellería de Sanidade e o SERGAS e a política de nomeamentos. En relación co Plan Director, o alcalde preguntou que se fixo co proxecto de remodelar e unir o Gil Casares co Hospital Clínico, que "debe estar perdido nun caixón".

"Podería entender os cambios na dirección, dixo Bugallo, se os resultados foran mellores, pero vexo que existe un equipo de xente de fóra, que a política de nomeamentos é unha lea e que, como manifestan as listas de espera, temos un deterioro na asistencia para os cidadáns e unha crecente desvalorización da imaxe do CHUS como hospital de referencia".

Neste contexto, o alcalde, conectou esa depreciación coa polémica localista en relación coa Facultade de Medicina. "Dificilmente, dixo, ninguén querrá estudar medicina nun hospital que non sexa de referencia, e este alto deterioro en relación coas outras seis áreas sanitarias de Galicia é preocupante e desata todas as alarmas".

Proxecto Home e directrices de ordenación do territorio
Na comparecencia semanal ante os medios, o alcalde tamén se referiu a outros temas, como por exemplo, o acordo entre Proxecto Home e a Fundación Amancio Ortega para realizar a construción do centro de referencia da organización en Santiago. Esta levarase a cabo nuns terreos cedidos polo Concello.

Así mesmo, Sánchez Bugallo, anunciou que non se van presentar alegacións ás directrices de ordenación do territorio. Pola contra, si se presentarán no tema do trazado definitivo do Camiño de Santiago, que, a xuízo do rexedor, está extralimitado e contén unha afectación inxustificada. Como mostra sinalou que "Conxo está incluído na zona de influencia do Camiño Francés".

Compartir: