CONSORCIO

O alcalde presenta un atlas histórico ilustrado editado polo Consorcio

16/09/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, presenta hoxe ás 20.30 no Centro Socia Caixanova o libro "Compostela, unha historia entretenida", coeditado polo Consorcio de Santiago, escrito por Simón Vicente López e Julio Prado Seijas e ilustrado por José Luís Serrano Silva.

A publicación achégase ao que se adoita chamar Atlas Histórico Ilustrado, unha obra na que o texto e a imaxe debuxada gardan unha relación de tremenda e gustosa dependencia; unha obra que quere contar, con estilo ameno e espírito didáctico, o nacemento e posterior desenvolvemento urbano da cidade de Santiago de Compostela.

E iso, sen esquecer outras cuestións relacionadas coa evolución da súa sociedade, cos episodios e as personaxes máis determinantes. Con esta intención, ao longo de corenta e cinco capítulos repásanse os acontecimentos sucedidos nos primeiros mil años da súa historia, desde as súas orixes, antes do descubrimento dos restos do Apóstolo, ata a celebración da Exposición Rexional de 1909.

É un libro feito con rigor histórico, case escrupuloso: na recreación das diferentes fases dalgúns dos edificios de maior importancia, como a Catedral ou o Hospital Real nas que os autores exprimiron a bibliografía para conseguir a imaxe máis veraz desas arquitecturas con respecto a un determinado acontecemento ou fase da súa construción. En resumo, un libro de marcada voación pedagóxica que o Consorcio decidiu editar co obxectivo de aumentar o coñecemento dos lectores sobre a nosa cidade ou, como mínimo, despertar a súa curiosidade.

Compartir: