ALCALDÍA

Raxoi apoia o proxecto europeo de coidadores familiares

16/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a recepción institucional que o Concello ofreceu aos participantes no seminario internacional Cosefamie (Competencias ao Servizo da Familia e do Emprego). Este encontro estase a celebrar na cidade hoxe e mañá, en concreto no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (Cersia).

É o encontro final do proxecto Cosefamie. Coidadores familiares, pertencente ao programa europeo Leonardo da Vinci. O venres, día 17, está previsto presentar as conclusións do proxecto, que ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario que acredite profesionalmente aos/ás coidadores/as familiares que, de xeito informal, estiveron coidando a outra persoa.

Unha acreditación profesional común a toda a Unión Europea facilitará a incorporación ao mercado laboral dun colectivo con expectativas de inserción difícil, no que a maioría de integrantes son mulleres, moitas delas maiores.

Ademais, esta acreditación axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatas/os axeitadas/os que contan con experiencia.

Compartir: