ALCALDÍA

O novo embaixador de Vietnam en España acode a Santiago para reforzar a colaboración entre a cidade e o país asiático

16/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi o embaixador de Vietnam en España, Truong Trieu Duong, con motivo da súa incorporación ao cargo.

O embaixador vietnamita despachou co alcalde asuntos como as infraestruturas da cidade, o sector da construción ou a posibilidade de incrementar o turismo entre Santiago e Vietnam. Así mesmo, manifestoulle ao rexedor a intención de traballar para acadar unha relación de irmandade entre Compostela e Hué, antiga capital de Vietnam, ambas urbes declaradas patrimonio da Humanidade.

O alcalde quixo salientar a puxanza de Vietnam e indicou que todo o que se poida facer para afianzar a relación entre ambos países será moi positivo para ambos.

Vietnam (oficialmente República Socialista de Vietnam) é o país máis occidental da Península Indochina no sudeste asiático e ten límites con China ao norte, Laos ao noroccidente e Camboxa ao suroccidente. O seu extenso litoral toca augas do Mar da China na maior parte e o Golfo de Siam no sur.

Ten unha poboación de 87 millóns de persoas que o pon no posto 13 dos países máis poboados do mundo e ademais figura na lista das denominadas economías "próximos once".

Se ben en Occidente é coñecido especialmente polos acontecementos da Guerra de Vietnam, o certo é que se trata dunha cultura e unha nación cunha historia ancestral e é na actualidade un país cun notable potencial económico.

Compartir: