BENESTAR SOCIAL

O Concello renova a súa colaboración co albergue Xoán XXIII

16/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou un convenio de colaboración con Frei Francisco J. Honrubia Bonnín, director da Asociación Centro Cultural – Social Xoán XXIII, en virtude do cal o Concello achega á institución benéfica máis de 20.000 euros para colaborar no servizo de acollida e aloxamento.

O convenio asinado no Pazo de Raxoi ten por obxecto estabelecer os termos da colaboración entre as partes asinantes para o desenvolvemento do servizo de aloxamento e acollida nocturna e diúrna para transeúntes e as persoas que o necesiten, por estar en situación de emerxencia social e /ou sen fogar.

O Centro Cultural Social Xoán XXIII non só presta o servizo de aloxamento e acollida, senón que ofrece aos seus usuarios orientación de tipo xurídico-laboral de cara a facilitar a busca dun traballo, así como charlas, conferencias, e información sobre os cursiños que se imparten no centro sobre inserción social, actividades ocupacionais, atención psicosocial, etc.

O servizo de acollida en réxime diúrno (que se realiza en horario de 10 a 14h. e de 16 a 20h) leva aparellada a utilización do servizo de duchas (de luns a sábado, de 10 a 12h), de roupeiro (de luns a sábado, de 10 a 12h) e de complemento alimentario. A acollida nocturna (horario de 20 a 22h) leva asociada o servizo de consigna para gardar equipaxes e de taquillas individuais; o servizo de lavandería (tres días por semana: luns, mércores e venres), o de vixilancia e seguridade e un refrixerio de bebidas quentes.

Así mesmo, para este ano 2010, estanse a organizar para os/as usuarios/as do centro os seguintes servizos e cursiños:
Servizo de perruquería:que se ofrece os/as usuarios/as, os xoves de 20 a 21 h da tarde dende o mes de febreiro.
Cursiño de cociña: que se ofrece durante unha semana, de luns a sábado, catro horas ó día, a aqueles usuarios/as que queiran aprender preparación de menús, técnicas de compra de alimentos, e cociña básica.
Cursiño de informática: que se ofrecerá durante unha semana, de luns a venres, a razón de tres horas ao día.
Cursiño de manualidades: que se ofrecerá durante unha semana, de luns a venres, a razón de tres horas ao día.

Para a colaboración na realización das actividades obxecto deste convenio, o Concello de Santiago de Compostela achegará á Asociación a cantidade 20.208,50 euros.

O albergue conta con 30 prazas, aínda que en caso de máis demanda habilitan un espazo para que ninguén se quede na rúa. Segundo datos do Padre Honrubia, son unhas 25, 30 persoas as que empregan de media o servizo de nocturno, números que se incrementan lixeiramente durante o día, situándose nunha media de 30, 35 persoas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, alabou o traballado realizado pola orde franciscana no albergue Xoán XXIII xa que "non se limitan a prestar o servizo, senón que ofrecen unha axuda complentaria que contribúe enormemente a rescatar e recuperar a autoestima e a confianza" das persoas usuarias.

O Padre Honrubia, pola súa banda, agradeceu a colaboración do Concello, xa que sin este apoio institucional, engadiu, non se poderían ter levado a cabo as melloras que recentemente se realizaron no centro. Grazas a esta remodelación, o albergue poderá abrir en breve os sábados e os domingos durante o día.

O Concello de Santiago de Compostela e a Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII , en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, teñen o propósito de dar estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre ambas as dúas entidades, dado que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social.

Compartir: