ALCALDÍA

O Consorcio investiu na restauración da antiga Calzada Real de Sar máis de 700.000 euros

15/09/2010 O alcalde compostelán e presidente da entidade interadministrativa presidiu o acto de inauguración da calzada, na que se investiu un total de 740.000 euros.

Estas obras, que seguiron o proxecto de restauración realizado pola Oficina Técnica do Consorcio, que recolleu as indicacións realizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, supuxeron unha inversión total de case 739.919,92 euros, IVE incluído, e foron executadas pola empresa Extraco S.A.

Os traballos permitiron a restauración integral da antiga Calzada de Sar, histórico vial de entrada na cidade cuxo pavimento data do século XVIII, aínda que as orixes do camiño hai que situalo na Idade Media. As obras de restauración permitiron manter e reutilizar as pezas orixinais da Calzada. Ademais construíse unha beirarrúa con lousas de cantería que discorre pola marxe das vivendas para facilitar a circulación a pé dos veciños. Tamén os accesos ás vivendas foron mellorados, introducindo novas escaleiras e bancos, realizados en pedra ao modo tradicional.

Aproveitando as obras, melloráronse servizos de abastecemento, tales como novas instalacións eléctricas e alumeado, saneamento de augas e pluviais, telecomunicacións e gas. Ademais acondicionáronse as marxes da calzada, co axardinamento dalgúns espazos. Melloráronse os accesos nos tramos iniciais e final da calzada, coa incorporación dun sistema de acceso restrinxido para vehículos. Neste sentido, cómpre destacar que a Calzada de Sar é de uso peonil, e o acceso a ela só está permitido aos vehículos dos residentes.

Por último, tres escaleiras de acceso peonil á Cidade da Cultura arrancarán da Calzada de Sar, verdadeiro umbral verde do complexo arquitectónico. Por ese motivo o muro de contención lateral desa marxe manterá o carácter construtivo e o aspecto formal dos muros tradicionais da zona.

Compartir: