PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela acolle o 16 e 17 de setembro o seminario final do proxecto europeo Coidadores familiares, no que se presentarán as conclusións do programa

15/09/2010 No encontro, no que se poderán ver as exposicións "Xente de mente" e "Imaxes con Imaxinación" cedidas pola Obra Social Caixa Galicia, a eurodiputada irlandesa Marian Harkin presentará as políticas europeas destinadas ás persoas coidadoras. A Concellaría de Promoción Económica e Emprego participa no proxecto "Cosefamie. Coidadores Familiares" xunto a outras seis entidades de cinco países europeos.

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou hoxe o programa do seminario internacional Cosefamie (Competencias ao Servizo da Familia e do Emprego), que se celebrará o 16 e 17 de setembro en Santiago de Compostela, no Centro Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (Cersia).

É o encontro final do proxecto Cosefamie. Coidadores familiares, pertencente ao programa europeo Leonardo da Vinci. O venres, día 17, está previsto presentar as conclusións do proxecto, que ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario que acredite profesionalmente aos/ás coidadores/as familiares que, de xeito informal, estiveron coidando a outra persoa. Unha acreditación profesional común a toda a Unión Europea facilitará a incorporación ao mercado laboral dun colectivo con expectativas de inserción difícil, no que a maioría de integrantes son mulleres, moitas delas maiores. Ademais, esta acreditación axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatas/os axeitadas/os que contan con experiencia.

No proxecto Cosefamie, que comezou en setembro de 2008 participan sete entidades, pertencentes a seis países: a Concellaría de Promoción Económica e Emprego do Concello de Santiago, Caring of Carers de Irlanda, INTEGRA PLUS de Bélxica, ADMR de Francia, Academia de Formación de Eslovaquia, o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación da illa francesa de Córcega (é o esocio principal), e a Escola de Formación de Italia.

A Concellaría de Promoción Económica e Emprego, encargada, entre outros aspectos do programa, do plan de comunicación, elaborou a páxina web http://www.aidantsfamiliaux.com/, dispoñible en cinco idiomas (castelán, inglés, francés, italiano e eslovaco), e á que se pode acceder dende www.maiscompostela.org. Nela contextualízanse, descríbense e enuméranse os obxectivos de Coidadores Familiares, e ofrécese información de todos os integrantes do programa. Todas as entidades que participan no proxecto foron seleccionadas pola experiencia e/ou resultados acadados neste eido.

A Concellaría de Promoción Económica, que foi convidada a sumarse á iniciativa polo socio principal, o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Córcega, formou e está formando a coidadores/as familiares a través do Proxecto Persoa III e do Persoa IV, que se está desenvolvendo actualmente no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela.

Programa
O programa do xoves, 16 de setembro, comeza ás 9.00 h. cun estudo da xestión e o peche final do proxecto Cosefamie. Ás 12.30 h. está previsto que o alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, ofreza unha recepción ás delegacións que integran Coidadores familiares, á que asistirá Xosé Manuel Iglesias. A continuación están programadas distintas visitas á cidade, ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, e aos Centros de día de Dodro e Boiro.

O venres, 17 de setembro, o alcalde e o concelleiro Xosé Manuel Iglesias asistirán ao acto oficial de apertura do seminario, ás 9.00 h. Ás 9.15 h. está previsto que se presenten as sete entidades que integran Cosefamie. A continuación, sobre as 9.45 h. representantes políticos e/ou expertos dos países asociados, describirán o proxecto de política rexional para os coidadores familiares. Ás 11.00 h. está previsto que a eurodiputada irlandesa Marian Harkin presente as políticas europeas destinadas ás persoas coidadoras. Ás 11.30, Patrick Torre, líder do proxecto, presentará a iniciativa Cosefamie. Sobre as 11.45 h. presentaranse as acción, resultados e conclusións do programa Coidadores familiares. Xa pola tarde, desenvolveranse tres obradoiros temáticos: Os dereitos dos coidadores e da persoa asistida, Os medios para facilitar a vida diaria dos coidadores familiares e O recoñecemento das competencias profesionais.

Exposicións
Coincidindo co seminario de Cosefamie, Obra Social Caixa Galicia cedeu dúas exposicións que se poderán ver, o 16 e 17 de setembro, no edificio Cersia. Serán Xente de mente, organizada en colaboración con Anfaco, que percorre a xeografía galega difundindo a realidade diaria dos enfermos de alzheimer. Está composta por disintos módulos descriptivos, nos que se presentan e explican aspectos importantes vinculadas á enfermidade, e por módulos interactivos, coa que se pretende que a/o visitante experimente, na medida do posible, algún dos síntomas e sensacións que sofren as persoas afectadas polo Alzheimer. Imaxes con imaxinación: unha ollada ao futuro, está organizada en colaboración coa Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Compóñena unha serie de fotografías que versan sobre temáticas como o reflexo do paso do tempo no corpo, o que facemos, sentido e sensibilidade, seres sociais, as axudas precisas, e sobre como o noso medio fala de nós.

Compartir: