BENESTAR SOCIAL

Persoas con enfermidade mental e monitores de FEAFES peregrinan para facer máis visible a súa situación

15/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu esta mañá na Praza do Obradoiro os peregrinos, que iniciaron o camiño o pasado día 13 cun obxectivo claro: mostrar a imaxe máis positiva do colectivo de persoas con enfermidade mental.

Organizada por FEAFES GALICIA (Federación de asociacións de persoas con enfermidade mental), coa colaboración dos voluntarios do Xacobeo 2010, a iniciativa contemplou o desenvolvemento de tres etapas do camiño francés que se fixeron os días 13, 14 e 15 de setembro. O primeiro día percorreron o tramo de Salceda a Arca, o segundo, de Arca ao Monte do Gozo, e o terceiro, tivo lugar a chegada á Praza do Obradoiro, onde foron recibidos porlo alcalde e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín.

O "Camiño da Recuperación", nome da iniciativa encabezada polas asociacións A Mariña, Porta Nova, Morea, Avelaíña e A Creba, ten como obxectivo cambiar a forma na que a sociedade mira as persoas con enfermidade mental e os seus familitares.

Así mesmo, esta iniciativa quere supor unha loita activa contra o estigma social, que sirva para mostrar unha imaxe normalizada da enfermidade mental e tamén para reclamar recursos suficientes para que as persoas que a sofren e os seus familiares teñan garantida unha atención integral, con continuidade de coidados.

Desde FEAFES Galicia reivindican que os recursos estén orientados cara a recuperación das persoas afectadas, capacitándoas para a toma de decisións, fomentando a súa autonomía e promovendo unha inserción sociolaboral efectiva.

Compartir: