XUNTA DE GOBERNO

O Concello aproba a convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas en Vista Alegre

14/09/2010 A Xunta de Goberno Local deu o visto ás bases reguladoras e á convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Polígono de Vista Alegre. Nesta mesma sesión aprobouse o proxecto de modificación do Regulamento Municipal de Centros e Locais Socioculturais e adxudicouse o servizo de vixilancia das instalacións da UMAD.

As bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas da ARI do Polígono de Vista Alegre teñen por obxecto regular a concesión das axudas destinadas a financiar os gastos que se deriven das actuacións de rehabilitación dos edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI de Vista Alegre, con cargo aos convenios asinados polo Concello no marco do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas promotoras das actuacións, na súa condición de propietarias, arrendatarias ou titulares dalgún dereito de uso sobre algunha vivenda ubicada nesta área. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concelo ou nos seus rexistros auxiliares ata o 31 de agosto de 2011.

As subvencións non poderán exceder de 20.000 euros por vivenda nin ser inferior a 1.000 euros, con independencia de que as obras de rehabilitación se realicen nos elementos comúns dos edificios ou nos espazos privativos de vivendas. No que se refire á contía global da convocatoria, esta correspóndese coas achegas do Ministerio de Vivenda e da Xunta de Galicia e que, por anualidades, son 292.050 euros (2010), 232.200 euros (2011) e 72.000 (2012).

Máis asuntos
Nesta mesma sesión adxudicouse provisionalmente o servizo de vixilancia das instalacións da UMAD á empresa PROTECCIÓN DE PATRIMONIO SA, por importe de 37.443,34 euros e acordouse solicitar á Consellería de Educación a desafectación de parte da zona verde do CEIP Santiago Apóstolo coa finalidade de conformar unha zona verde que conecte os parques de Monte da Almáciga e Bonaval.

A proposta do concelleiro delegado de Deportes acordouse a concesión do uso dos campos municipais de Santa Isabel e as Cancelas durante a tempada 2010/2011 para os partidos organizados pola Federación Galega de Fútbol e, no ámbito das subvencións, deuse conta de dúas achegas: unha para proxectos ou accións de investigación-Acción relacionadas co esforzo global anti-VIH/SIDA en Galicia para o ano 2010, por importe de 3.350,70 euros, e outra para a realización de accións formativas experimentais e complementarias do ficheiro de servizo público estatal de emprego dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (F.S.E.) cunha contía de 5.820 euros.

Tamén se aprobou o proxecto de modificación do Regulamento Municipal de Centros e Locais Socioculturais, co obxecto de, entre outras cousas, simplificar os procesos para a renovación de membros do Consello Municipal de Centros Soioculturais e procurar unha representación máis ampla e variada.

Compartir: