FESTAS

A Quintana acollerá o vindeiro domingo unha romaría de corais na que participarán máis de 20 agrupacións

14/09/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa a Romaría Coral do Ano Xacobeo, que terá lugar na Praza da Quintana o domingo 19 de setembro, acompañado polo presidente da Federación de Corais de Galicia (FECOGA), Antonio Rey.

Serán en total 800 participantes e 22 agrupacións corais as que se darán cita para completar un concerto de altura. En concreto participarán no mesmo o Orfeón Herculino, as corais de La Salle, Mera, Eterna Xuventude, Amigos do Castiñeiriño, Lembranzas da Terra, Sporting Club Casino da Coruña, Palas de Rey, Polifónica Vilalbesa, Alborada de Viveiro, Aureanas, Orfeon Valdeorrés, Asociación Verinense de Amigos da Música, Candea, Santa Comba, coro do Colexio de Avogados de Pontevedra, coral A Guarda, San Pedro Domaio, Santa María Adina, Alborada de Cabral, San Martiño e o Coro de Cámara Música Viva. Ao frente das mesmas estarán Luis Vicente Fernández Prieto, Josefa Dorado Soto, Alberto Currás Piñeiro, José Ramón Mansilla Álvarez e José Gorrosari Bonilla.

O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, manifestou o seu apoio á inciativa, que nesta ocasión se celebra en Santiago con motivo do Xacobeo. Ó longo da ano, a capital galega vén apoiando ás corais, como lembrou o edil, por exemplo co certame de Nadal, nas festas da Ascensión ou nas festas patronais das distintas parroquias compostelás.

Antonio Rey agradeceu o apoio das institucións, xa que sen elas sería dificil levar a cabo un concerto de tal envergadura. A cita será ás 18.30 na praza da Quintana, en caso de chuvia, trasladaríase ao Auditorio de Galicia.

Compartir: