PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica repartirá entre cidadanía e visitantes dez mil exemplares do catálogo Volta ao cole, editado en tres idiomas

14/09/2010 A publicación recolle 46 propostas de produtos que foron seleccionadas no Concurso de promoción comercial Volta ao cole, destinado a todos os comercios de Compostela, tendo en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo, e a novidade e orixinalidade no concepto de embalaxes.

O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Catálogo de promoción comercial de Compostela Volta ao cole. Trátase dunha publicación deseñada dun xeito funcional e elegante ao mesmo tempo, seguindo criterios de calidade.

É facilmente lexible e manipulable. Ten unha tirada de 10.000 exemplares, que se repartirán de balde entre a cidadanía e as persoas que nos visiten, a través de distintas acción de animación en rúa. Para tratar de chegar ao maior público posible, editouse en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Contén os 46 produtos seleccionados no concurso, destinado ao sector comercial de Compostela. Todos eles amosan un comercio moderno, innovador e competitivo, adaptado as actuais demandas de consumo. Na selección, realizada por un xurado de profesionais e expertos no sector comercial, tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.

O programa Volta ao cole, destinado a todos os estabelecementos comerciais de Santiago de Compostela, ten como obxectivos potenciar as compras nos comercios da cidade durante o outono; promover a adaptación dos estabelecementos á situación e cambios do mercado actual; e estimular a implantación de estratexias encamiñadas á satisfacción das necesidades, esixencias e demandas das persoas consumidoras.

Conta cun orzamento de 31.345 euros e forma parte das accións de promoción e dinamización do sector recollidas no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago, que ten como obxectivo fortalecer o sector para facelo máis dinámico e competitivo.

O catálogo Volta ao cole estase distribuindo en lugares de gran afluencia de público (centros socioculturais, bibliotecas, oficinas de turismo, etc.), e polas rúas de Compostela en distintas actividades de animación con zancudos. Terán lugar os días 17 e 24 de setembro, e o 1 e 8 de outubro, na Praza doToural (sobre as cinco da tarde) e na Praza Roxa (sobre as seis da tarde). Este mesmo catálogo, xunto a unha galería de fotos, tamén se poderá descargar, a partires de hoxe, da web da Concellaría de Promoción Economica e Comercio: www.maiscompostela.org.

Estrutura
O Catálogo de promoción comercial Volta ao cole estrutúrase en 60 páxinas, divididas en tres partes diferenciadas:
1. Páxinas 0 a 07: contén a presentación e unha breve información sobre o programa e os estabelecementos presentados a concurso. Estes comercios, dos que se facilita o contacto, enderezo e horario de apertura, sitúanse, enumerados por orde alfabética, no mapa de Compostela (cedido por Turismo de Santiago) das páxinas 6 e 7..
2. Páxinas 08 a 09: contén información sobre os produtos presentados ao concurso, incluídos os tres gañadores:
a. Lote de complementos para ordenador de sobremesa, composto por unha impresora multifunción da marca Innova, altavoces, e un lector de DNI electrónico da marca Netway. Foi presentado por PC Box Santiago de Compostela e o seu prezo de venda ao público é de 99,90 euros. Acadou o primeiro premio, 750 euros en metálico e un espazo promocional na prensa local.
b. Percheiro. Colección 2010 Senegalia, un colgadoiro presentado por Media Lúa, realizado a man en pel de vacún e tela africana. Costa 27 euros. O 2% das vendas do produto, destínanse a proxectos educativos en Senegal. Acadou o segundo premio, polo que percibirá 350 euros e un espazo promocional na prensa local.
c. Sabas, un proposta de lenzos e almofadas para berce pintada a man, que se poden personalizar. Presentada pola tenda-obradoiro de artesanía Como pez en el agua, ten un prezo de 45 euros. Acadou o terceiro premio e percibirá 200 euros e un espazo promocional na prensa local.
3. Páxinas 10 a 70: contén as imaxes do produto e unha breve descripción, na que figura o prezo de venda ao público e o nome da tenda onde se poden mercar. Os 46 produtos clasificados, que segundo as bases do programa deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento mentras dure a campaña, están divididos, por rangos de prezos, en seis categorías: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio podía presentar unha candidatura por cada rango de prezos.

Compartir: