ALCALDÍA

Unhas 250 persoas de 74 países analizarán en Santiago o papel das peregrinacións como "vía de evanxelización"

14/09/2010 Un total de 250 persoas de 74 países dos cinco continentes inscribíronse xa para participar no II Congreso Mundial de Pastoral de Peregrinacións e Santuarios, que acollerá Santiago de Compostela entre os días 27 e 30 de setembro. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou esta mañá na rolda de presentación do devandito congreso.

O II Congreso, que se celebra en Santiago 18 anos despois de que a primeira edición tivese lugar en Roma, contará coa participación de 250 persoas relacionadas co ámbito da atención pastoral ás peregrinacións e os santuarios, como bispos, sacerdotes, reitores de santuarios, membros de asociacións eclesiales e axencias que organizan peregrinacións. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou a importancia do turismo relixioso en Galicia, do papel do Camiño e de Santiago como "punto de encontro de diferentes culturas".

O programa desenvolverase a un "ritmo moi intenso", explicou o subsecretario do Pontificio Consello para a Pastoral dos Emigrantes e Itinerantes, Grabriele Bentoglio, e contará coa participación de persoas de 16 países africanos, 15 asiáticos, 20 americanos, 22 europeos e un de Oceanía, que tratarán a peregrinación aos santuarios máis coñecidos internacionalmente.

Ademais, tratarase a peregrinación no contexto das Igrexas Ortodoxas e da Comuñón Anglicana e contarase con testemuños de delegados procedentes de zonas onde perduran conflitos armados, como o auxiliar de Bagdag (Iraq) ou o reitor do santuario de Gikungo, en Burundi.

Entre os principais obxectivos do congreso, Bentoglio destacou o "desexo de ofrecer útiles ferramentas que poidan ser de inspiración para os países emerxentes" e "animar aos países que sofren por falta de liberdade".

"En todo caso, o obxectivo prioritario do Congreso consiste en acrecentar a toma de conciencia de que a peregrinación é un grande recurso de fe e de cultura e que, por conseguinte, paga a pena mellorar sen cesar as estruturas de acollida e ofrecer medios oportunos para a asistencia pastoral de cantos achéganse ao lugar de fe", sinalou o subsecretario.

Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio, destacou o papel de Santiago como "referencia espiritual en todo o mundo" este ano e asegurou que o congreso pretende "dar resposta" ás persoas que chegan aos santuarios de peregrinación "nunha actitude de busca".

PROGRAMA
O congreso, baixo o lema 'e entrou para quedar con eles', comezará o 27 de setembro cun encontro en Santiago e unha visita á cidade, así como unha eucaristía na Catedral.

A partir de ese día os encontros celebraranse no Pazo de Congresos, onde terán lugar varios relatorios e mesas redondas como 'Experiencias de acollida', 'diversidade e colaboración na acollida', 'A peregrinación cara ao santuario', 'O papel dos medios de comunicación' ou 'O retorno', así como grupos de traballo e unha asemblea xeneral conclusiva o xoves día 30.

Documentos relacionados



Compartir: