TRÁFICO

O luns 13 ábrense á circulación a rúa Cruceiro do Gaio e un tramo de Galeras

10/09/2010 Como xa anunciara o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, este vindeiro luns, 13 de setembro, abrirase á circulación a rúa Cruceiro do Gaio en dirección centro da cidade, así como o tramo de Galeras comprendido entre Pombal e Salvador Allende, en dirección Vista Alegre.

Con estas dúas accións aliviarase o tráfico nunha zona importante da cidade coincidindo co inicio do curso escolar e, polo tanto, co incremento da circulación.

Galeras-Salvadas-Vista Alegre
As obras incluídas no proxecto de reurbanización do tramo comprendido polas rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre contaron cun orzamento de máis de 5 millóns de euros, apuntou o alcalde. Afectan a un tramo de 1.220 metros, cunha superficie total de 29.000 metros cadrados. Esta intervención, dixo Sánchez Bugallo, "daralle un tratamento unitario a esta antiga estrada, converténdoa nunha avenida urbana de calidade". Resaltou a complexidade da obra, na que se están a cambiar todas as canalizacións.

Un dos principais obxectivos desta actuación é harmonizar o que na actualidade son distintos modelos de seccións e materiais e as diferenzas de rasantes existentes. A ampliación das beirarrúas será outro aspecto especialmente importante para tramos nos que agora non existen ou son especialmente estreitas. É o caso do que discorre a carón do edificio das Casa das Máquinas, futuro Centro de Interpretación Ánxel Casal, que agora terá unha beirarrúa de aproximadamente 2,30 metros. Tamén en Entrerríos se gañará unha beirarrúa de 1,80 metros.

No futuro, cando se concrete o convenio con Fenosa para a cesión dos edificios contiguos á Casa das Máquinas, a solución será que esta poida ser atravesada a pé tanto por un lado, coa nova beirarrúa, como polo outro, xa que se alí se construirá unha praza pública. Neste primeiro tramo da obra, a partir do Campo das Hortas, solucionarase o problema das diferentes rasantes e manteranse os tres carrís de circulación.

No seguinte tramo, un dos aspectos máis chamativos será a mediana arborada que dividirá os carrís de circulación. E xa en Santa Isabel, a carón das instalacións deportivas, a praza converterase nun espazo arborado perfectamente integrado na rede de espazos verdes do oeste da cidade. Nesta parte, de acordo con este carácter diferenciado, o asfaltado convencional dos carrís de circulación deixará paso ao formigón.

Avanzando cara Vista Alegre, tamén se solucionarán os problemas de rasantes que se dan na confluencia das rúas Salvadas e Vista Alegre, potenciando tamén o seu carácter estancial. Finalmente, no resto do tramo, ata a rúa de Castelao, con menos complexidade técnica, gañarase en amplitude e visibilidade. Aquí destacará o novo aspecto da praza de Vista Alegre, integrando o camiño de Lermo, a fonte e o cruceiro nun espazo tamén con bastante arborado.

Rúa do Cruceiro do Gaio
Na zona que corresponde co principio de Poza de Bar e coa rúa do Cruceiro do Gaio, a proposta reubanizadora ten como obxectivos recuperar a memoria histórica do lugar, conciliar o tráfico peonil co rodado, mellorar a relación entre o espazo privado e o espazo público, clarificar os espazos e racionalizar a distribución das infraestruturas. Todo isto tradúcese nunha potenciación do espazo de transito ao Campo do Gaio.

Nesta zona de intervención urbanizaranse 696 metros cadrados de rúa cun orzamento de 231.833 euros nun prazo de execución tamén de tres meses. Entre as características máis destacadas destes traballos hai que salientar a resolución do desnivel entre a rúa e os accesos ás vivendas por medio dunha banda continua de escaleiras e gradas, así como a translación do cruceiro á súa ubicación orixinal, servindo de referencia histórica e visual do barrio.

Compartir: