CULTURA

O Ciclo de Lied traerá catro concertos de cantantes de sona internacional

10/09/2010 As estrelas desta edición son o tenor inglés John Mark Ainsley e a mezzosoprano austríaca Angelika Kirchschlager.
Tamén actuarán dúas promesas da canción clásica: a soprano chilena Carolina Ullrich e o tenor norteamericano Alek Shrader.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, substituíu a Socorro García Conde na presentación do Ciclo de Lied que comeza o vindeiro martes no Teatro Principal. Estivo acompañada por Víctor Carou, presidente da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza, organizadora do evento; polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, e polo xerente do Xacobeo, Ignacio Santos.

Segundo manifestou Cienfuegos, esta décima edición "xirará arredor da íntima relación entre a música e a poesía", levando por título "Se os meus poemas tivesen ás... Músicos e poetas 2". O ciclo está codirixido polo propio Víctor Carou e polo pianista británico Roger Vignoles. Na opinión de Carou, a proposta deste ano combina artistas consagrados, como tenor inglés John Mark Ainsley ou a mezzosoprano austríaca Angelika Kirchschlager, con xoves promesas da canción clásica como a soprano chilena Carolina Ullrich e o tenor norteamericano Alek Shrader.

Pola súa banda, Paulo Rodríguez afirmou que estamos diante dun ciclo que agora se consolida como unha oferta estable no mes de setembro e que "é moi desexado polos afeccionados á música clásica". Tamén interviu na rolda Ignacio Santos, que destacou que o Xacobeo patrocina o concerto de Angelika Kirchschlager, enmarcado dentro do ciclo Xacobeo Classics.

Velaquí o programa de concertos:

martes 14 de setembro
CAROLINA ULLRICH soprano
ROGER VIGNOLES piano
Schubert (Goethe), Brahms, Poulenc (Vilmorín), Hahn, Obradors

venres 17 de setembro
JOHN MARK AINSLEY tenor
ROGER VIGNOLES piano
Cancións sobre poemas de Víctor Hugo
Faure, Godard, Bizet, Saint-Saëns, Liszt, Escaich*, Hahn
*pre-estrea mundial

martes 21 de setembro
ANGELIKA KIRCHSCHLAGER mezzosoprano
ROGER VIGNOLES piano
Hugo Wolf (Mörike e Keller) e Richard Strauss

martes 28 de setembro
ALEK SHRADER tenor
ROGER VIGNOLES piano
Schumann (Eichendorff), Wolff (Eichendorff), Liszt (Petrarca), Duparc e Rossini

O abono aos catro concertos custa 15 euros e cada un deles 6 euros.
Servizo de venda de entradas de Caixa Galicia
Abonos (a partir do 20 de agosto): 902 43 44 43
Entradas soltas (a partir do 9 de setembro): www.caixagalicia.es e 902 43 44 43
Taquilla do Teatro Principal
Abonos: 9 e 10 de setembro (12:30-14:00 e 18:00-21:00)
Entradas soltas: o día de cada concerto (12:30-14:00 e 18:00-20:30)

Compartir: