RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Os composteláns poderán medir o seu risco cardiovascular no marco da I Semana do Corazón que se celebra na Alameda

10/09/2010 A Fundación Española do Corazón inaugurou esta mañá na capital galega a I Semana do Corazón de Santiago de Compostela. Esta é unha das actividades máis emblemáticas da FEC que conta co apoio da Sociedade Española de Cardioloxía e a colaboración do Concello de Santiago, e que este ano se celebra baixo o lema "alixeira o teu corazón. O sobrepeso é un risco", co fin de concienciar á poboación do risco cardiovascular que supón a obesidade e o sobrepeso. Á inauguración asistiron o concelleiro de Relacións Institucionais e Sanidade do Concello, Andrés Fariña; as concelleiras de Benestar Social e de Participación Cidadá, Mar Martín e Guadalupe Rodríguez; o presidente da FEC, Leandro Plaza; e o presidente da Sociedade Galega de Cardioloxía, Ramiro Trillo, entre outras personalidades.

O concelleiro de Relacións Veciñais, Andrés Fariña, que deu exemplo participando como un cidadán máis nas probas que se realizan no Paseo da Alameda, declarou que "o Concello de Santiago está encantado de colaborar con esta iniciativa cedendo os espazos necesarios e desenvolvendo algunhas das actividades divulgativas como a que desenvolverán os membros de Protección Civil". O edil engadiu que agarda que"os composteláns participen intensamente nas actividades programadas e se conciencien da necesidade de atallar mediante a prevención as doenzas cardiovasculares, que representan xa a primeira causa de morte entre a nosa poboación".

Dende hoxe e ata o domingo 12 de setembro, nunha gran carpa situada no Paseo central da Alameda, os composteláns poderán realizarse probas gratuítas para mediar o seu risco cardiovascular. Neste sentido, varios expertos tomarán a tensión arterial, medirán o índice de masa corporal e o colesterol e asesorarase a nivel nutricional. Cabe salientar que, durante os tres días, organizaranse outras actividades paralelas, como o obradoiro deportivo "ciclo-corazón", mediante o que se cederán bicicletas de paseo co fin de fomentar o hábito do exercicio.

A obesidade é un dos principais factores de risco na aparición dunha doenza cardiovascular. Segundo o Informe 2009 da SEC sobre a incidencia da enfermidade cardiovascular en España, unha de cada tres defuncións que se producen en Galicia débense a unha enfermidade cardiovascular, o que supón, apróximadamente, un 31% do total de falecidos.

En galicia, ó igual que en España en xeral, a enfermidade cardiovascular é a primeira causa de morte. Esta comunidade sitúase nun rango intermedio no que respecta á taxa estandarizada de mortalidade cardiovscular (240,2 falecementos por 100.000 habitantes/ano) e presenta a taxa bruta de mortalidade por enfermidade cardiovascular maís alta de España (375,3/100.000 habitantes).

Compartir: