PROMOCIÓN ECONÓMICA

O emprego, as empresas tecnolóxicas e a influencia das industrias creativas no desenvolvemento económico centran o encontro de REDEL en Compostela

08/09/2010 As xornadas contemplan a celebración da asamblea da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, o 9 de setembro; un seminario sobre políticas activas de emprego o día 10, e un encontro de empresas no marco de Macc 2010.
REDEL está integrada por nove entidades de desenvolvemento local: Concellaría de Promoción Económica de Santiago de Compostela, Deputación de Barcelona, Madrid Emprende, Barcelona Activa, IMFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, IMEFEZ-Zaragoza, e Garapen.

O emprego, as empresas tecnolóxicas (Proxecto Interreg SUDOE) e a influencia das industrias creativas no desenvolvemento económico dos territorios centran o encontro de REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, que se celebrará os días 9 e 10 de setembro en Santiago de Compostela, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e no Museo do Pobo Galego.

Estas xornadas contemplan a celebración dunha asamblea, un seminario sobre políticas activas de emprego, e un encontro de empresas relacionadas coas industrias creativas, no que participarán 37 firmas, e que terá lugar no marco do Macc 2010. O encontro do Mercado Atlántico de Creacion Contemporánea (do 10 ao 12 de setembro) permitirá a estas empresas e ás entidades que integran REDEL (Concellaría de Promoción Económica de Santiago de Compostela, Deputación de Barcelona, Madrid Emprende, Barcelona Activa, IMFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, IMEFEZ-Zaragoza, e Garapen) coñecer as tendencias actuais no marco das industrias creativas, analizalas, e adaptalas aos seus programas de desenvolvemento económico co obxectivo de incrementar a súa efectividade.

A asamblea de REDEL comezará ás 9.30 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea, coa benvida aos representantes das entidades participantes e cunha presentación dos eixos de actuación da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, a cargo do concelleiro Xosé Manuel Iglesias. Despois de presentar a outras entidades interesadas en coñecer REDEL informarase aos participantes sobre os proxectos que se están executando, entre eles o Proxecto Interreg SUDOE Tecno Net "Promoción de redes estables e alianzas estratéxicas entre empresas tecnolóxicas do espazo SUDOE". Esta iniciativa ten como obxectivo establecer redes de cooperación tecnolóxica e comerciais entre empresas do sector tecnolóxico do Sudoeste europeo, creando unións estratéxicas, estables e competitivas, que permitan incrementar o volume de negocios tanto no mercado nacional como internacional e establecer partenariados tecnolóxicos co fin de desenvolver as súas capacidades de innovación. Pola tarde, está programada unha visita técnica a UNIEMPRENDE, a unidade de apoio á creación de empresas da USC.

O día 10 terá lugar, a partires das 9.30 h., o seminario de reflexión "As políticas activas de emprego e a reforma do mercado de traballo: alcance e consecuencias". Presentado polo presidente de Garapen e de REDEL, Augusto Uriarte, ten como obxectivo analizar o grao de adecuación das políticas activas de emprego e a reforma do mercado de traballo ao contexto actual e propor, se é necesario, novas medidas co fin de dinamizar o mercado laboral.

De xeito paralelo mañá, día 9, as 37 empresas inscritas a través de REDEL (todas elas proveñen de programas de creación de empresas ou son usuarias de servizos ofrecidos polas entidades que integran esta rede), visitarán o CITT, o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC. A partires do día 10 participarán no Macc 2010, no que poden atopar novas fórmulas e ideas que lles permitan incrementar a competitividade do seu negocio.

O Mercado Atlántico de Creación Contemporánea é unha iniciativa da Asociación Cultural Atlantic Comnection, na que colaboran distintas entidades, entre as que destacan a Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Santiago. Trátase dun encontro profesional multidisciplinar que ten como obxectivo a difusión e o intercambio de ideas entre creadores, artistas, produtores, xestores da cultura, empresas e institucións. Unha vintena de colectivos falarán da influencia que teñen ou poden ter as industrias creativas no desenvolvemento dos territorios, da súa capacidade para mellorar o funcionamento das outras industrias e dos novos escenarios para a actuación que xurden coa revolución tecnolóxica.

REDEL é unha entidade supramunicipal que se constituíu o 1 de marzo do 2007, tras un período de reflexión no que se debateu a filosofía e obxectivos da organización, nunha serie de encontros aos que asistiu o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Os obxectivos de REDEL son reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construír un modelo desde unha identidade común.

Esta rede tamén se configura como un instrumento para actuar conxuntamente ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais (máis información: www.asociacionredel.com)

Compartir: