EDUCACIÓN

Unha exposición no marco do 32º Congreso da IBBY trae a Compostela a obra de case un centenar de ilustradores de 27 países

09/09/2010 O Concello de Santiago e Kalandraka organizan esta mostra do Blue Book Group, na que figuran pezas de creadores galegos, e que se pode visitar en Sargadelos ata outubro. A exposición foi inaugurada esta mañá pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e polo responsable de Kalandraka, Xosé Ballesteros.

Un total de 96 ilustradores de 27 nacionalidades
participan na exposición Blue Book Group, organizada
polo Concello de Santiago e KALANDRAKA, que se poderá
visitar na Galería Sargadelos ata o vindeiro 8 de outubro.
Esta mostra, que se inscribe no marco das actividades do
32º Congreso Internacional da IBBY que se celebra na
cidade, inclúe a obra de tres artistas afincados en Galicia:
Óscar Villán, David Pintor e Marc Taeger, que teñen
ilustrado varios álbums publicados no catálogo de
KALANDRAKA.

A ilustración de Óscar Villán, realizada con técnica mixta,
está asociada ao medo e á morte. David Pintor expón o
retrato colorista dun pallaso, co que evoca o esplendor
dos circos de antano. Marc Taeger ofrece unha visión
vangardista do clásico de Carapuchiña, baseada na
experimentación con estilos e materiais.

A estes súmanse outros creadores do resto de España
que tamén teñen vínculos con KALANDRAKA, como
Aitana Carrasco e Adriá Fruitós, ilustradores de "A viaxe
do bisavó e "Mago Goma", respectivamente. A lista
complétase con Pablo Amargo, Anna Castagnoli, José
María Lema de Pablo e Josep Antoni Tàssies.

Entre os ilustradores de procedencia foránea relacionados
con KALANDRAKA atópase, ademais, o portugués Gémeo
Luis, ilustrador de "O tempo voa". Por países, Xapón
conta coa maior representación, con 19 artistas plásticos,
seguido de Italia con 14, Francia con 10 e España con 9.
Na exposición Blue Book Group tamén figuran artistas de
Estonia, Corea, Arxentina, Alemaña, Hungría, Polonia,
Eslovenia, Portugal, Irán, Australia, Bulgaria, Croacia,
Estados Unidos, Grecia, Países Baixos, Reino Unido,
Romanía, Rusia, Suecia, Suiza, Taiwan, Tunisia e Turquía.
O Blue Book Group é unha iniciativa independente dos
irmáns iranís Hassan e Ali Amekan, que deron en agrupar
o traballo de ilustradores de distintos países do mundo,
elixidos polo seu dinamismo e pola súa especialización
neste xénero artístico. Tralo éxito dunha primeira
exposición celebrada en 2007, a mostra pasou por
Teherán, Dubai e Tokio.

Esta panorámica do Blue Book Group forma parte das
actividades da XI Campaña de Animación á Lectura que
organizan anualmente o Departamento de Educación do
Concello de Santiago e KALANDRAKA.

Compartir: