BENESTAR SOCIAL

O Concello reforza a súa colaboración coa Cociña Económica

08/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou coa directora da Cociña Económica, Esther Seoane, un convenio de colaboración en virtude do cal o Concello achega á institución benéfica máis de 20.000 euros para colaborar no servizo de manutención básica.

O convenio ten por obxecto estabelecer os termos da colaboración entre as partes asinantes para a colaboración no "programa para garantir as necesidades de manutención básica a persoas sen recursos"

En xeral, trátase dun programa que pretende cubrir, por parte da institución benéfica, unha necesidade básica das persoas, como é a manutención, proporcionándolles alimento. Benefícianse deste programa para manutención básica, distintos sectores da poboación como son familia, xuventude, persoas maiores, persoas con discapacidade, minorías étnicas, marxinados, sen fogar, refuxiados, asilados, toxicómanos, reclusos e ex-reclusos, emigrantes, inmigrantes, enfermos terminais, estudantes con pouca bolsa etc... Isto é, persoas ou grupos que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva.

Para levar a efecto este programa a Cociña Económica posúe un local duns 447 metros cadrados, con comedor, cociña, salóns, etc... Tamén dispón dun Centro Social de Día con calefacción, televisión, servizo de biblioteca, ou xogos, e conta coa colaboración das Fillas da Caridade, e de persoal contratado polo centro consistente en tres axudantes de cociña e unha persoa do servizo de limpeza.

As expectativas para o ano 2010 son dunha tendencia alcista na actividade, cun aumento estimado dun 5% que suporía alcanzar os 74.000 servizos o ano. Actualmente están asistindo á Cociña Económica unhas 25 persoas para almorzar, preto de 130 para comer e arredor de 90 á hora da cea.

Tanto o alcalde como a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, salientaron o importante labor que levan a cabo as Fillas da Caridade nesta institución e a eficacia coa que realizan o servizo. Pola súa banda, Esther Seoane, agradeceu a permanente colaboración do Concello.

Para a colaboración na realización das actividades obxecto deste convenio, o Concello de Santiago de Compostela achegará a cantidade de 20.208,50 euros.

O Concello de Santiago de Compostela e a Institución benéfica da Cociña Económica, en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, teñen o propósito de dar estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre ambas as dúas entidades, dado que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social.

Compartir: