ALCALDÍA

O alcalde anima os escritores para nenos a seguir alimentando a imaxinación dos máis pequenos

07/09/2010 O Concello de Santiago de Compostela brindou hoxe unha recepción aos participantes no 32º Congreso Internacional de IBBY (International Board on Books for Young People), que se está a celebrar na cidade do 8 ao 12 de setembro.

A International Board on Books for Young People (IBBY) é un colectivo sen ánimo de lucro. Está composto por asociacións e persoas de todo o mundo comprometidas coa idea de propiciar o encontro entre os libros e a infancia. IBBY fundouse en Zurich (Suíza) en 1953 e está constituído por setenta seccións nacionais. En España IBBY está representado por OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil, sección española de IBBY con sede en Madrid. OEPLI está organizada en catro seccións en consoancia coa pluralidade cultural e lingüística do Estado español: o Consejo General del Libro Infantil y Juvenil (para a lingua castelá); CCLIJ Consell Català del Llibre per a Infants i Joves (para a lingua catalana), GÁLIX, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (para a lingua galega) e Galtzagorri Elkartea (para a lingua vasca).

No encontro, o alcalde amousouse encantado de que os membros de IBBY elixiran Santiago para celebrar a 32 edición do seu congreso e desexoulles unhas fructíferas sesións de traballo. O Concello, a través do seu departamento de Educación, colabora con este encontro en varias actividades e iniciativas, entre elas a exposición "Blue book group".

Á recepción asistiron, entre outros membros do Comité Executivo do IBBY, a presidenta do mesmo, Patricia Aldana, e a vicepresidenta, Reina Duarte.

Compartir: