XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno inicia expedientes para a construción e remodelación de equipamentos por máis de 500.000 euros

07/09/2010 O goberno local aprobou esta mañá o inicio dos expedientes para a remodelación da área de xogos infantís de Belvís, a construción dun campo de fútbol en San Lázaro, a creación dun circuíto biosaudable no barrio de Fontiñas, así como a redacción dos proxectos para a relización de melloras e reformas en 8 centros socioculturais da cidade. Nesta mesma sesión adxudicáronse provisionalmente as obras de acondicionamento dos accesos ao parque de Vista Alegre e resolveuse a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar. Nas urxencias, deuse o visto bo ás condicións para a contratación do préstamo orzamentario de 2010 por importe de 4.135.000 euros.

Na remodelación da área de xogos infantís de Belvís, a construción dun campo de fútbol en San Lázaro e a creación dun circuíto biosaudable no barrio de Fontiñas, mais concretatamente no parque de Carlomagno, o Concello investirá un total de 509.206 euros. Trátase de tres expedientes que se inician nesta Xunta de Goberno e que contan con tipos de licitación individuais de 101.153,04 euros, 340.000 euros e 68.052,96 euros, respectivamente.

A redacción dos proxectos e das memorias valoradas para a reforma e acondicionamento de varios centros socioculturais, adxudicada á empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo SC por importe de 21.220,71, foi outro dos asuntos aprobados. En base a estes proxectos reformaranse e acondicionaranse os centros de Bando, Marrozos, Enfesta, San Xulián do Carballal, A Trisca e Villestro, mentres que en Busto e Nemenzo se realizarán obras de acondicionamento térmico.

Por outra banda, adxudícouse provisionalmente o contrato das obras de acondicionamento dos accesos ao parque de Vista Alegre á empresa Jardinería Arce SL por importe de 93.511,19 euros (IVE incluído) así como a prestación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución, estudio básico de seguridade e saúde e coordinación de seguridade e saúde e dirección facultativa para a reparación de diversas cubertas no Auditorio de Galicia á empresa Ezcurra e Ouzande Arquitectura por importe de 21.211,16 euros (IVE incluído).

Así mesmo, resolveuse a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar para o alumnado dos centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (Segundo ciclo) e primaria obligatoria, que conta cun orzamento global de 70.000 euros.

No apartado das urxencias, deuse o visto bo á fixación de condicións para a contratación do préstamo orzamentario de 2010 por importe de 4.135.000 euros. O prazo para a presentación de ofertas será de dez días desde que a entidade reciba a correspondente invitación. En canto ás licencias, concedéronse 4 para a relización de outros tanto edificios en Traspaxonal, no ambito do SUNP-14, o que supoñen un total de 208 vivendas.

Compartir: