CULTURA

Curtocircuíto traerá ata final de ano oito novos ciclos cun total de 52 curtas

06/09/2010 A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e o director de Curtocircuíto, Tim Redford, presentaron hoxe a programación de +Curtocircuíto desde setembro ata finais de ano, que inclúe 52 curtas proxectadas provintes de 21 países e organizadas en oito ciclos diferentes.

Trátase, segundo García Conde, da extensión de Curtocircuíto ao longo de todo o ano con exhibicións no Auditorio de Galicia pero tamén en varios centros socioculturais do concello (nesta ocasión Fontiñas, Vite, Conxo e Castiñeiriño), para achegalo a toda a cidade. Son filmes que non compiten en ningunha das categorías oficiais do festival agrupados por diversas temáticas. A entrada é de balde ata completar aforo.

De setembro ata decembro, os 8 programas serán proxectados no Auditorio de Galicia e repetidos nun centro sociocultural distinto cada semana, ofrecendo unha segunda oportunidade para ver as curtas.

As datas son as seguintes:

Cine Fantástico Internacional: un cine que se centra en acontecementos prohibidos, estraños e alarmantes

Martes 7 de setembro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 14 de setembro, 20.30: Centro Socio Cultural das Fontiñas

Cine Fantástico Español: unha retrospectiva coas mellores curtas de cine fantástico español.

Martes 21 de setembro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 28 de setembro, 20.30: Centro Socio Cultural das Fontiñas

Cine Europeo: Short Matters 1: Programa cos nomeados aos premios da Academia de Cine Europeo

Martes 5 de outubro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 12 de outubro, 20.30: Centro Socio Cultural ‘José Saramago’ de Vite

Cine Europeo: Short Matters 2: Programa cos nomeados aos premios da Academia de Cine Europeo.

Luns 25 de outubro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 26 de outubro, 20.30: Centro Socio Cultural ‘Agustín Bueno’ do Castiñeiriño

Premios Goya 2010

Martes 2 de novembro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 9 de novembro, 20.30: Centro Socio Cultural ‘Aurelio Aguirre’ de Conxo

Cuba Libre: o cine cubano está máis vivo ca nunca e listo para abraiarnos.
Martes 16 de novembro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 23 de novembro, 20.30: Centro Socio Cultural ‘Agustín Bueno’ do Castiñeiriño

Cine da Lusofonía: un programa con curtas atraentes que teñen como lingua o portugués ou o galego.

Luns 13 de decembro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 14 de decembro, 20.30: Centro Socio Cultural ‘Aurelio Aguirre’ de Conxo

Público Novo (11-14 anos): Divertidas, profundas, abstractcas, estas curtas estimulan e entreteñen aos cinéfilos máis cativos.

Martes 21 de decembro, 20.30: Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Martes 28 de decembro, 20.30: Centro Socio Cultural ‘José Saramago’ de Vite

Curtocircuíto é o Festival de Curtametraxes de Santiago de Compostela que en 2011 celebrará a súa VIII edición. As actividades que leva a cabo distribúense durante todo o ano. No mes de maio ten lugar a Semana Oficial: proxeccións a concurso das distintas curtametraxes participantes de todo o mundo e proxeccións paralelas ou fóra de concurso nas distintas sedes da cidade. Tamén acontece nesa semana o Mercado Internacional: encontro para profesionais do sector que inclúe actividades como obradoiros ou mesas redondas.

+Curtocircuíto é o programa anual con proxeccións temáticas no Auditorio de Galicia e nos centros socioculturais composteláns. Compostela Plató é o concurso de guións que toma a cidade como escaparate cinematográfico; e no verán ten lugar Curtocircuíto Na Rúa: proxeccións ao aire libre na zona monumental da cidade.

Compartir: