CULTURA

Trinta mil persoas gozaron en Compostela dos espectáculos do Festival dos Abrazos

03/09/2010 Preto de 30.000 persoas gozaron do 9 ao 29 de agosto en Compostela do Festival dos Abrazos. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, destacou en rolda de prensa o éxito de público da terceira edición do festival, que consolida a fórmula deste certame, no que as propostas artísticas se presentan en prazas, rúas e outros espazos singulares da cidade. Na rolda de prensa tamén participou o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

O bo tempo predominante ao longo do mes permitiu celebrar 81 dos 84 espectáculos previstos, con só tres cancelacións por chuvia. En total, 29.630 persoas gozaron das actividades do Festival dos Abrazos. A que contou con máis público foi a Ultranoite NASA + Dr.Gringo, celebrada o día 18 na praza de Cervantes, con 1.400 espectadores. Outra ducia de espectáculos conseguiron pasar do milleiro de espectadores: o conversatorio de Quico Cadaval no escaparate de Florentino (1.350 persoas), o Cabaret Acrobático Pista Catro no cemiterio de Bonaval, o concerto de Brasileg@s na Porta da Música de Bonaval e o de Kike Suárez + Tony Lomba & Elio dos Santos na praza de Cervantes, cuns 1.100 espectadores cada un.

Cómpre sinalar tamén o éxito que tiveron os pasarrúas nesta edición do Festival dos Abrazos, conseguindo crear espazos de animación alá por onde pasaban. Os que ofreceron o primeiro día Trópico de Grelos e Turres Band foron seguidos por unhas 1.000 persoas cada un, o mesmo número que participou na romaría Feito a Man na Zona C, que puxo o punto e final ao Festival dos Abrazos deste ano.

Socorro García Conde destacou a clara consolidación do Festival na oferta de lecer da cidade, dado que unha parte importante do público asistente son os propios santiagueses "que xa saben que en agosto non hai que marchar de Compostela". Tamén subliñou o éxito da oferta de lecer para familias con nenos e nenas, polo que adiantou que se incrementará en vindeiras edicións.

Espazos singulares
Durante o mes de agosto Compostela converteuse nun espazo máxico no que abrazar as representacións artísticas máis singulares. En total foron 26 os lugares da cidade que acolleron actividades programadas no Festival dos Abrazos, aos que hai que sumarlle os dous espazos expositivos situados na Zona C e no Auditorio de Galicia.

O parque de Bonaval, a praza de Cervantes, a rúa de San Paio de Antealtares e a Alameda foron os espazos nos que se desenvolveu un maior número de actividades. En xeral, todo o casco histórico de Compostela tivo un protagonismo especial, conseguindo que a música, o movemento e a iluminación se espallaran por toda a cidade, chegando a un público que acolleu cos brazos abertos toda a oferta cultural e de lecer que este festival lles ofrecía. A praza de San Martiño Pinario, a rúa de Tras Salomé, a praza de Feixóo ou a Zona C foron outros dos espazos nos que se desenvolveron boa parte dos espectáculos.

O Festival dos Abrazos, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, contou co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, e do Consorcio de Santiago. Colaboraron ademais con esta iniciativa a Asociación Cultural Cidade Vella, que organizou a programación de O Feito a Man; a Concellaría de Medio Ambiente; Curtocircuíto; o Festival de Cine Árabe Amal; e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Programación de setembro
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron tamén a programación cultural para o mes de setembro, entre o que destacaron o Ciclo de Lied; un concerto de Mercedes Peón dentro do Congreso do IBBY; a obra Por el placer de volver a verla, de Miguel Ángel Solá e Blanca Oteyza; a estrea do último traballo de Teatro Nu; ou o concerto de inauguración de temporada a Real Filharmonía.

García Conde destacou setembro como o mes do Lied, coa décima edición do ciclo que nos traerá catro concertos, coa soprano Carolina Ullrich, os tenores John Mark Insley e Alek Shrader e a mezzosoprano Angelika Kirchschalager. Tamén salientou os tradicionais concertos dos xoves da Banda Municipal na Rúa do Vilar, que este mes visitarán outros lugares especiais como os xardíns do Hospital Psiquiátrico de Conxo -que recomendou encarecidamente visitar- ou o parque de Bonaval.

Ademais, Paulo Rodríguez subliñou -xa para outubro- a presenza da Compañía Nacional de Danza co "legado de Nacho Duato" no Auditorio de Galicia os días 2 e 3, cuxas entradas xa están á venda na billeteira virtual de Caixa Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: