ALCALDÍA

O alcalde anuncia o previsible remate da nova terminal para a primeira quincena de febreiro

03/09/2010 Anticipándose á última data anunciada de marzo, a previsión coa que se traballa agora para o remate da nova terminal do aeroporto de Lavacolla é a da primeira quincena de febreiro, co obxectivo de abrila ao público no mes de abril. Así o anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen tamén anticipou que a recepción do Papa en novembro podería facerse fronte á nova terminal.

Recordou o alcalde o intenso ritmo co que se traballa na obra de Lavacolla, que permitiu primeiro anticipar a data de remate prevista no contrato, en setembro, e mesmo a anunciada posteriormente de marzo. A igual bo ritmo vai a obra do túnel do Hórreo, neste caso coa previsión de que en outubro estea feito o propio túnel. Quedará entón o equipamento do mesmo e a condicionamento do paseo e miradoiro exterior. Segue contemplándose marzo de 2011 como data de remate.

Sobre o resto de obras en marcha na cidade, o alcalde recalcou o "esforzo extraordinario" que se está a realizar para cumprir os prazos. Indicou que a primeira quincena será a máis complicada, pola volta á normalidade do traballo e o comezo do curso escolar. Despois comezará a diminuír a presión, pero recordou que o groso das obras seguirá ata o 30 de novembro. "A partir de aí poderemos observar que o esforzo mereceu a pena", engadiu.

Sintonía coa USC
Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo tamén falou das reunións mantidas co novo equipo reitoral da Universidade de Santiago, nas que, dixo, se constatou a "sintonía entre o Concello e a USC". Falouse da axilización da aprobación do Plan Especial do Campus Vida, co obxectivo de que poidan comezar a outorgarse as licenzas para os novos edificios.

O alcalde comprometeuse co equipo reitoral a que, se antes do 21 de setembro se recibe o visto bo ao Plan da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, este será sometido ao Pleno do 30 de setembro para a súa aprobación definitiva.

Outro tema das reunións foi a urbanización do Campus Vida. Recibido inicialmente un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio, o proxecto foi reformulado. Para a próxima reunión están previstas reunións entre este organismo, o Concello e a USC cara a desbloquear esta actuación, á que o Concello achegará "certa cantidade de recursos", indicou Sánchez Bugallo.

Desbloqueo de 4 millóns de euros
Lembrou tamén que no mes de agosto a Consellería de Facenda deu o visto bo ao Plan de Equilibrio Económico e Financeiro, co cal se habilita o crédito de 4 millóns de euros previsto nos orzamentos municipais para destinar á parte municipal do financiamento do convenio de travesías. Isto implica á súa vez o desbloqueo dos 4 millóns que se reservaran por se non saída adiante a operación de crédito. "En setembro decidiremos a qué actuacións dedicaremos estes catro millóns, entre as cales estará posiblemente algunha da devandita urbanización do Campus Vida".

Novas licenzas de obra
A propósito da volta á normalidade tras o período de vacacións, o alcalde anunciou que na Xunta de Goberno do 7 de setembro se concederán licenzas para 208 vivendas no SUNP-14 de Tras Paxonal (das case 400 previstas neste solo). No ámbito, recordou, xa está case rematado o SUP-7 de Pontepedriña.

Satisfactorios datos turísticos
Preguntado polos xornalistas, Sánchez Bugallo sumouse ao convencemento de que se superarán os oito millóns de visitantes neste 2010. En canto ás razóns deste éxito, atribuíuno a tres razóns. "Santiago é un destino maduro e consolidado, que pode superar determinadas dificultades nun momento determinado", dixo. Ademais, "a propia crise económica fixo que se optara por destinos máis asequibles economicamente". Finalmente, apuntou o anuncio da visita do Papa como un estímulo para a chegada de máis visitantes.

Compartir: