ALCALDÍA

A nova directiva veciñal de Laraño exponlle ao alcalde as demandas da parroquia

02/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse coa nova directiva da Asociación de Veciños "A Xunlla", de Laraño. A xuntanza foi unha primeira toma de contacto, na que os representantes veciñais expuxéronlle as principais reivindicacións da parroquia.

No encontro, alcalde e veciños falaron de diversos temas, como o arranxo da pista de Pardiñas, a limpeza de cunetas noutras vías da parroquia ou o pintado dun paso de peóns en Bornais. Sánchez Bugallo comprometeuse a dar resposta a estas demandas, así como a estudar unha solución para un punto negro onde se deposita lixo sen control.

Os veciños tamén solicitaron que se lle dea algún uso a un terreo baleiro que quedou a carón da obra das vías do tren. O rexedor municipal indicoulles aos veciños que tratará este tema con ADIF, propietario da devandita parcela. Finalmente, os veciños interesáronse polo estado da tramitación da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR).

Ademais do alcalde, participaron na reunión os concelleiros de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama.

Compartir: