PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Concellería de Participación Cidadá retoma o seu pioneiro centro de mediación

02/09/2010 O Centro Municipal de Mediación Cidadá (CEMMCI), posto en marcha pola Concellaría de Participación Cidadá a través da Asociación Galega de Mediación e Igualdade de Xénero (AGAMIX), retoma a súa actividade neste mes de setembro. Este servizo gratuíto ofrece aos cidadáns a posibilidade de ser parte activa na resolución dos seus conflitos, pero coa mediación dirixida por profesionais.

No CEMMCI, os composteláns teñen un espazo confidencial onde as persoas implicadas, a través do diálogo e coa axuda dunha terceira persoa imparcial e neutral que realiza a mediación, poden atopar un acordo válido e beneficioso para todos. Santiago é a primeira cidade galega en apostar por este modelo.

Grazas a este centro de mediación, pódese resolver máis doadamente calquera tipo de conflito entre persoas que viven nun mesmo lugar: comunidades de veciños, alteracións da convivencia cidadá, acceso aos recursos municipais, etc. Esta é unha aposta pola construción dunha cidade máis harmónica e de convivencia.

Os martes e os xoves
Calquera cidadán empadroado o que se atope en Santiago pode acudir ao CEMMCI, que ten a súa sede física na Casa das Asociacións, na antiga estación de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3). Funciona de 17:00 a 21:00 horas os martes e os xoves.

Para pórse en contacto co CEMMCI pode chamarse ao teléfono 658 490 411 ou remitir un correo electrónico á dirección agamix@iustitiaomnibus.org. Máis información na propia Casa das Asociacións: 981 542 350 ou participacióncidada@santiagodecompostela.gal.

A mediación
A mediación é un proceso voluntario, flexible e absolutamente confidencial, no que intervén unha persoa que, malia non ter autoridade para impor unha solución, atende ás partes e axúdalles a resolver as súas diferenzas.

Procura satisfacer as necesidades das partes en disputa, regulando o proceso de comunicación e conducíndoo por medio duns sinxelos pasos nos que, se as partes colaboran, é posible chegar a unha solución na que todos gañen ou queden satisfeitos.

Documentos relacionados



Compartir: