EDUCACIÓN

Uns 275 nenos e nenas participarán cada día nas actividades de setembro da Escola Municipal de Verán

02/09/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitou a segunda quenda da Escola Municipal de Verán. Este programa desenvólvese ata o 9 de setembro nos CEIP Pío XII, Fontiñas e López Ferreiro. Sumando a participación diaria, nas 18 xornadas da edición de xuño e xullo participaron na Escola 4.223 rapaces e rapazas.

Financiada a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local, a Escola Municipal de Verán é un espazo de encontro e de lecer para os rapaces e rapazas, cunha oferta pensada especialmente para eles e para as familias no tempo de vacacións. Días antes de volver ás aulas para o novo curso, os participantes teñen á súa disposición unha ampla oferta de obradoiros, itinerarios pola cidades, xogos e deporte, entre outras actividades.

Pode participar de balde nesta Escola calquera neno ou nena con idades entre os 3 e os 12 anos. Tras a primeira quenda celebrada entre o 23 de xuño ao 16 de xullo, a segunda desenvólvese do 1 ao 9 de setembro, coa excepción da fin de semana. As actividades comezan cada día ás 9:30 e rematan ás 13:30 horas. Os monitores pertencen ao Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella e Fundación Fesán.

O horario de recepción da Escola é de 9:00 a 14:00 horas. A forma de inscrición é o impreso correspondente, que debe entregarse cuberto no espazo de recepción do propio centro escolar ao inicio das actividades.

Agárdase que nesta edición de setembro participen uns 275 rapaces cada día entre os tres centros, moitos dos cales, loxicamente, repetirán en todas ou na maioría das xornadas. En xuño e xullo, a xornada de maior participación foi precisamente a primeira, con 367 escolares. Nos días de xuño a participación situouse sempre por riba dos 300, mentres que do 1 ao 16 de xullo a partición foi baixando, situándose na orde de algo menos de 200 rapaces.

Máis de 6.000 participantes
A concelleira visitou primeiro o CEIP Pío XII, para achegarse logo ao centro das Fontiñas e ao López Ferreiro. Destacou a "absoluta normalidade" coa que empezou esta quenda de setembro, na que o número de participantes medra cada día. A previsión é que, finalmente, sumando todas as xornadas das dúas edicións, teñan pasado por esta Escola de Verán máis de 6.000 rapaces e rapazas.

Destacou tamén Mercedes Rosón o feito de que a estes tres centros non só acudan alumnos e alumnas dos mesmos, senón doutras áreas de Santiago, "fomentando unha convivencia que enriquece moito".

Compartir: