ALCALDÍA

O alcalde destaca o "esforzo especial" realizado na renovación do firme de rúas e beirarrúas, con 3,6 millóns de euros

26/08/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto co concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, visitou algunhas das obras en marcha na cidade. A visita comezou na rúa Xasmíns, unha das vías nas que se repuxo o asfalto polo seu deterioro. Entre as rúas tamén asfaltadas figuran tamén Xoán XXIII, Hórreo e Restollal. Outro grupo de obras en marcha son as do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL 2010). Unha destas actuacións é a do Local das Avoas e Centro Sociocultural de Pontepedriña.

Nas obras de renovación do firme das vías municipais que se está a realizar nesta semana de agosto vanse empregar finalmente 42.400 metros cadrados de aglomerado. Afectan a aquelas rúas máis deterioradas e que necesitaban unha actuación máis urxente.

As obras na rúa Xoán XXIII comezaron na noite do martes co fresado e rematáronse na noite de onte mércores co asfaltado definitivo. Paralelamente, nas mesmas xornadas, acometeuse a renovación do firme da rúa Xasmíns.

A do Restollal, Paxonal e Amor Ruibal é a actuación máis complexa deste grupo de obras, pola lonxitude e anchura do tramo a asfaltar. A parte do Restollal xa quedou lista grazas aos traballos realizados nas noites do luns e do martes. Na noite de hoxe xoves quedará rematado o tramo de Amor Ruibal.

O asfaltado da rúa do Hórreo realizouse nunha única xornada, na noite do luns 23. Ao día seguinte, repúxose tamén o firme nas zonas máis deterioradas da rúa Ramón Piñeiro, que enlaza co Hórreo. Cómpre lembrar que nesta mesma rúa continúan a bo ritmo as obras do túnel.

Sobre estas obras de renovación do asfaltado e de beiarrúas, o alcalde destacou o "esforzo especial" realizado no Concello nesta materia. Así, destínase 1 millón de euros ás obras de asfaltado no rural, outros 2,1 millóns de euros ás vías urbanas e 500.000 euros máis para a reposición de beirarrúas. Nas primeiras estase traballando dende xullo e as actuacións nas beirarrúas comezarán en setembro.

Sánchez Bugallo apuntou que as obras de asfaltado das vías urbanas máis importantes se están a realizar nas noites de agosto porque "é cando hai menos dificultades de tráfico e, de momento, non queixa de ningún veciño, porque se están facendo as obras co máximo coidado". Anunciou que en breve se acometerá tamén a renovación do asfaltado na parte inferior de Área Central e na rúa París. "Rematada esta fase máis intensa, aínda queda o repaso da estrada entre Santiago e o aeroporto e, a partir de aí, xa será un mantemento máis ordinario", engadiu.

Local das Avoas e Centro Sociocultural de Pontepedriña
Tamén seguen a realizarse as diferentes obras incluídas no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL 2010). Unha destas actuacións, que tamén visitou o alcalde, é a do Local das Avoas e do Centro Sociocultural de Pontepedriña, no que se investiron 134.340 euros, cantidade na que se inclúe o novo mobiliario.

No Local das Avoas procedeuse á redistribución interior do mesmo, co obxecto de obter un vestíbulo de acceso, un salón comedor, unha cociña, un aseo adaptado, un vestiario-ducha adaptado, unha sala de caldeira e un ximnasio. En total, o local contará agora cunha superficie útil de 134,06 metros cadrados.

En canto ao centro sociocultural, destinado ao seu uso pola Asociación de Veciños Cardeal Quiroga, tamén se efectuou a redistribución interior do mesmo, para habilitar as seguintes estancias: vestíbulo de acceso, aula polivalente, despacho, dous aseos adaptados (masculino e feminino), un cuarto de caldeira, unha sala de informática e unha biblioteca. En total, 132,67 metros cadrados de superficie útil.

A propósito desta obra, a unha semana de concluír, o alcalde indicou que é unha das primeiras obras que se rematan das financiadas con cargo aos FEESL. Tamén en Pontepedriña, pasou pola nova rúa que dá continuación ao polígono 7. Os veciños tiveron que sufrir obras durante bastante tempo, xa que as canalizacións e redes de servizos do devandito polígono pasan por este barrio.

Hórreo e Cruceiro do Gaio
Preguntado polos xornalistas, o rexedor municipal afirmou que a obra do túnel do Hórreo "vai en prazo, co obxectivo de que 31 de marzo estean concluídas as obras". Finalmente, referiuse á boa marcha dunha obra que lle preocupaba, a do Cruceiro do Gaio. "A empresa fixo un gran esforzo e confío que os autobuses escolares poidan circular o 11 de setembro", comentou.

Compartir: