CULTURA

Diversos estilos musicais, acrobacias e curtametraxes no Festival dos Abrazos

23/08/2010 Para a xornada do martes 24, pendentes da situación meteorolóxica, están previstos varios concertos no Festival dos Abrazos. Ademais, haberá un espectáculo circense, proxección de curtametraxes e unha instalación artística.

En principio, o programa da xornada inclúe o concerto do trío afincado en Compostela Turnes-Legido-García Trío, que interpretará unha música sen complexos, dinámica e enérxica na que se cominan o flamenco, harmonías con aires de jazz, un ritmo contundente e moita improvisación. A cita será ás 20:30 horas na Vía Sacra.

Tamén está previsto o espectáculo do Cabaret Aéreo Pista Catro, a partir das 20:00 horas na Alameda. Será un Cabaré aéreo: as proezas de maior altura, actuacións moi visuais e espectaculares con números aéreos que destacan pola súa emoción e risco, o que manterá en todo momento a atención do público.

Ás 21:00 horas, no parque de Bonaval, terá lugar unha sesión de música a cargo de Bigote Mix, un DJ compostelán que ten elaborado unha serie de traballos de mesturas que demostran que non é o mellor DJ nin o máis guapo, pero que si o máis carallante. É un DJ que toca calquera pau musical sen medo, coa única finalidade de divertir ao público.

Outra opción musical a ter en conta para este día é a que ofrece a música cálida, envolvente e cargada de enerxía positiva que achega a xaponesa Mine Kawakami. Esta interesante fusión de música xaponesa e clasicismo ao piano terán lugar ás 22:30 horas no cemiterio do parque de Bonaval. Mine Kawakami é unha compositora e concertista formada na tradición cultura e europea que ten dirixido obradoiros en universidades e actuado nos cinco continente cun grande éxito. Tamén ás 22:30 horas, pero na rúa de San Paio de Antealtares, haberá a posibilidade de escoitar o explosivo jazz galego de vangarda da man de Carlos López The Last Minute Experience. Unha experiencia musical con fusión de estilos onde a improvisación prima por riba de todo.

E para completar o intenso programa de actividades do día o Festival dos Abrazos ofrece Explora, unha nova exhibición de curtametraxes de Curtocircuíto 2010 que amosarán nesta ocasión unha selección de 14 curtas para os espectadores que buscan chegar máis alá á hora de dar respostas creativas ás súas necesidades de expresión. As persoas interesadas teñen unha cita co audiovisual ás 22:30 horas no parque de Bonaval.

Tamén durante este día, o público poderá achegarse ata a rúa Travesa ás 22:00 horas para visitar a instalación artística Os becerros de ouro, de man de a_túa, que percorre diferentes rúas da cidade histórica durante os días que dura o Festival dos Abrazos.

Compartir: