CULTURA

Unha danza simpática e ritmos caribeños no Festival dos Abrazos

20/08/2010 Dentro da programación do Festival dos Abrazos, organizado pola Concellería de Cultura, a xornada do sábado 21 acollerá unha nova proposta dos Abrazos OFF e a música de Antonio Rivas Trío e Danae.

A nova entrega dos Abrazos OFF será unha danza simpática que xoga co público, presentada pola bailarina Marta Alonso Tejada, que representará Baila un vestido verde. A cita será na praza da Oliveira a partir das 19:00 horas. Marta Alonso Tejada é bailarina titulada pola Royal Academy of Dance de Londres e fundadora da compañía galega de danza Traspediante. Os Abrazos OFF teñen como obxectivo abrir o Festival ás propostas da cidadanía, que foron seleccionadas en función da súa calidade, a súa adecuación ao festival e a súa singularidade.

A partir das 20:00 horas, a praza de San Martiño Pinario será o escenario do concerto de Antonio Rivas Trío, que interpretará co seu acordeón dous dos ritmos da Colombia caribeña universalmente coñecidos, como son o vallenato e a cumbia. Antonio Rivas é un dos máximos expoñentes desta tradición no seu país e, aínda que de formación autodidacta, é un cantante e acordeonista cheo de forza e espectáculo.

O programa do día pecharase da man de Danae, unha intérprete que amosará un traballo profundamente conectado coas súas raíces, pero na procura de camiños musicais sen etiquetas, deixando mundos abertos onde a música é a unión entre varias realidades. O público poderá gozar desta mestura de música de Lisboa e Cabo Verde a partir das 22:00 horas no cemiterio do parque de Bonaval.

Ademais, durante todo o mes estará aberta na Zona C, de 10:00 a 20:00 horas, a exposición da artista Nuria Ruibal que, baixo o nome O ser humano ante a mirada do outro, ofrece unha colección de traballos no que se fala da vulnerabilidade do ser humano e o seu eu máis íntimo, así como das barreiras das que dispón para defenderse e relacionarse co mundo exterior.

Compartir: