EDUCACIÓN

O novo CEIP Ramón Cabanillas está a punto para o inicio do curso

19/08/2010 A concelleira de Educación visitou as instalacións do centro da Pontepedriña e comprobou tamén o avance das obras no IES Rosalía de Castro, que o vindeiro curso se estreará como centro plurilingüe.

Acompañada pola alcaldesa en funcións, Mar Martín, polo concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, e o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, a concelleira recorreu as instalacións do novo centro educativo Ramón Cabanillas, que unificará aos alumnos e alumnas que ata agora estudaban no antigo CEIP Ramón Cabanillas do Castiñeiriño –do que recolle o nome- e no CEIP Colexiata de Sar.

Nunha parcela de máis de 3.500 metros cadrados, ubicada a carón dos novos polígonos de vivendas do SUP-7 da Pontepedriña e lindando polo norte coas Brañas de Sar, érguese o novo centro cun edificio de tres plantas que albergará seis unidades educativas destinadas aos 150 alumnos de infantil, e doce para os nenos e nenas de primaria, que este curso serán sobre 260, pero que alcanzará as 300 prazas cando o centro estea funcionando a pleno rendemento. Os estudantes contarán tamén cunha pista polideportiva cuberta e outra descuberta, comedor, biblioteca, aula de informática e aparcamento.

Durante a visita, a concelleira recordou que este colexio forma parte dunha nova dimensión da zona sur de Santiago nun ámbito que está medrando considerablemente, ao lado dun polígono que suporá 650 novas vivendas que empezarán a ocuparse probablemente a finais deste mesmo ano. Engadiu que ademais hai que ter en conta os polígonos próximos (14, 11 e 12) cos que as novas vivendas na zona que circunda o centro ascenden a un total de 2.500. Neste sentido, Rosón dixo que o centro vai dar resposta ás necesidades dos vellos e novos cidadáns da zona.

Dende o punto de vista educativo, asegurou que "o novo edificio é extraordinario porque optimiza a parcela con equipamentos educativos que van facer que os nenos e nenas disfruten traballando e aprendendo". Tamén destacou a singularidade deste centro "porque está en contacto co que vai ser o grande parque urbano de Santiago que é as Brañas do Sar. Toda a parte norte do edificio é un gran corredor de ventanais que exhiben ese gran elemento verde".

A respecto do centro de Sar, Rosón aclarou que é patrimonio da igrexa e mostrouse convencida de que vai continuar dando servizo ao barrio "porque alí fan un gran labor público nunha das parroquias máis vitais da cidade". Neste sentido, a concelleira agradeceu a xenerosidade constante do párroco Porto Buceta tanto co barrio como coa cidade. Con respecto ao antigo Ramón Cabanillas, Rosón indicou que non está tomada a decisión final pero asegurou que o uso será público e probablemente virá a cubrir as carencias de espazo que se van plantexar no centro sociocultural inaugurado no 2004 no Castiñeiriño, coa chegada de novos veciños.

Rosalía de Castro, centro plurilingüe
A continuación, Mercedes Rosón, acompañada da mesma comitiva e polo director do centro, Ubaldo Rueda, visitou tamén a marcha das obras do Instituto Rosalía de Castro, que a partir do curso que vén será un dos centros plurilingües galegos dentro dun proxecto que comeza a funcionar no curso 2010-2011.

Na visita a concelleira de Educación puido comprobar a evolución das obras de remodelación da fachada, así como a reparación que se está a realizar nos teitos das aulas. Estas obras de remodelación engádense ás rematadas hai seis meses, e que afectaron a unha aula de 2º e bacharelato, outra de 4º da ESO e ade plástica, empregada por todos os estudantes. Todos estes espazos foron reformados co obxectivo de recuperar o seu aspecto orixinal, deixando á vista as vigas de preto de 400 anos, pintadas de branco que tiña ao principio.

Con esta obra continúase co traballo iniciado en 2009, cando se rehabilitou o claustro e o artesoado orixinal deste edifico, que data do 1629. trátase dunha construción cadrada desenvolvida en plantas baixa e alta, dispostas arredor do claustro interior de 25 metros cadrados. Ata o momento xa está investido preto do 75% do orzamento previsto para a execución do plan director no IES Rosalía de Castro, cuxo total ascende a 785.333 euros.

Compartir: