CULTURA

Jazz e soul electrónico nunha nova entrega do Festival dos Abrazos

19/08/2010 As rúas de Compostela acollen dúas novas propostas musicais no Festival dos Abrazos, organizado pola Concellería de Cultura. Na xornada do venres 20, os protagonistas serán Baldo Martínez e Maite Dono e o conxunto Beatspoke.

Baldo Martínez e Maite Dono presentarán a partir das 20:00 horas, nos xardíns de San Roque, o seu traballo Sons-nús. A voz de Maite Dono e o contrabaixo de Baldo Martínez únense a partir do jazz, o folclore e a libre improvisación para dar lugar a un peculiar proxecto sonoro e interpretativo.

Logo, a Zona C acollerá a partir das 22:00 horas o soul electrónico de Beatspoke, un conxunto que pasou do underground barcelonés a tocar nos mellores clubes do mundo. O público asistente terá a oportunidade de escoitar traballos recollidos nos dous discos de mesturas que teñen publicados, un en Xapón e outro en Europa, así como do seu primeiro LP, estreado en xaneiro deste mesmo ano.

Un programa para o espectáculo
Do 9 ao 29 de agosto a cidade acolle máis de 80 actividades, dende pequenas intervencións ata grandes espectáculos, no marco dun programa que xunta as máis diversas propostas culturais galegas e internacionais no eido da música, as artes escénicas, o circo, o audiovisual, as performances e as artes plásticas.

O Festival dos Abrazos chega á súa terceira edición convertido xa nunha cita de referencia no verán de Compostela, tanto para os veciños e veciñas da cidade como para os visitantes que nestes días se achegan á cidade. Diferentes culturas, artistas e estilos abrázanse neste festival provocando sorpresas inesperadas e experiencias irrepetibles nas que o público ten a oportunidade non só de ver, senón tamén de participar.

Esta iniciativa, organizada pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, e do Consorcio de Santiago. Colaboran con esta iniciativa a Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; a Concellaría de Medio Ambiente; Curtocircuíto; o Festival de Cine Árabe Amal; e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Compartir: