CULTURA

O Festival dos Abrazos viaxa arredor do mundo da man dos ritmos afro

18/08/2010 A Banda Afrofunk, Batbirulau, Aburoruga, Martins-Legido-Calvo Trío e as curtas de Curtocircuíto na Rúa serán os protagonistas da xornada do xoves 19 no Festival dos Abrazos. Con todo, haberá que estar pendente do tempo por se é preciso modificar algún dos concertos.

En principio está prevista a actuación da Banda Afrofunk a partir das 20:30 horas na rúa Travesa. Trátase dunha proposta atrevida enmarcada dentro da música vangardista brasileira e con roupas de funk. O trío ofrecerá unha fusión revisada dos ritmos nordestiños, os ritmos tradicionais como a samba, a mestura das cantigas populares con cantos e os toques de candomblé, o que creará un ambiente místico e natural que levará ao público de viaxe polo mundo afro. Xusto antes desta actuación terá lugar o concerto en clave de pedra, metal e balcón do grupo Batbirulau.

A partir das 21:00 horas, a praza de Cervantes será o escenario da sesión DJ de Aburoruga (colectivooruga), unha liña musical próxima ao electropop e ao electro que constrúe mesturas propias en directo con sonoridades moi orquestrais e con grande presenza de sintetizadores. Será xusto antes dunha nova sesión de curtametraxes de Curtocircuíto na Rúa. Baixo a denominación Feito en España daranse cita, a partir das 22:30 horas na praza de Cervantes, as proxeccións de oito curtas froito da imaxinación dos directores españois con máis talento.

O último concerto da xornada virá da man de Martins-Legido-Calvo Trío, previsto para as 22:30 horas na rúa de San Paio de Antealtares. O conxunto ofrecerá un repertorio propio de Fred Martins e outras composicións clásicas da música brasileira con toques de jazz. Tamén xusto antes desta actuación terá lugar o concerto en clave de pedra, metal e balcón do grupo artístico Batbirulau.

Cómpre lembrar que durante todo o mes estará aberta na Zona C, de 10:00 a 20:00 horas, a exposición da artista Nuria Ruibal, que baixo o nome O ser humano ante a mirada do outro ofrece unha colección de traballos no que se fala da vulnerabilidade do ser humano e o seu eu máis íntimo, así como das barreiras das que dispón para defenderse e relacionarse co mundo exterior.

Compartir: