EMPREGO

Máis de 3.000 persoas inscritas na Plataforma de Intermediación Laboral da Concellaría de Promoción Económica

13/08/2010 O Servizo Local de Emprego da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo ten no seu aplicativo informático, denominado Plataforma de Intermediación Laboral, 3.361 persoas inscritas. No primeiro semestre do ano, o servizo ofrecido pola Concellaría recibiu 861 novas solicitudes. Destas persoas, 527 son mulleres, o que representa o 61,2% do total, e 334 homes, o 38,8%.

O Servizo Local de Emprego, ademais de atender todo tipo de peticións de información relacionadas co mundo laboral (consultas sobre contratación, ofertas de emprego, prestacións, formación, sectores profesionais emerxentes, etc.) orienta, dun xeito personalizado e adaptado as distintas situacións, ás persoas que procuran emprego ou buscan mellorar as súas perspectivas laborais. A primeira fase é unha entrevista, realizada por un equipo de técnicos/as expertos en orientación-inserción profesional, a partir da que, nunha segunda fase, se elaborará a diagnose do proxecto profesional: o Plan Persoal de Inserción. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Tendo en conta os resultados, proporciónaselle á persoa demandante un listado das empresas do sector profesional no que está interesada e infórmaselle sobre como deben facer a súa autocandidatura (curriculum). Todas as demandas de emprego das persoas interesadas introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral. De xaneiro a xuño xestionáronse, a través deste sistema, 135 ofertas de emprego. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade das persoas usuarias.

Ás persoas inscritas tamén se lle facilita unha lista de ofertas de emprego, que se actualiza diariamente. Estas ofertas publícanse, os martes e xoves de cada semana (menos no verán, que sae só os martes), en formato papel, no Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela, que ten unha tirada de 1.000 exemplares. Nos seis primeiros meses do ano publicáronse aproximadamente 9.600 ofertas de emprego. Enmarcada nas accións de orientación e intermediación laboral promovidas no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, esta publicación distribúese de balde en lugares de alta afluencia de persoas: centros de saúde, oficinas de emprego, oficinas de servizos administrativos, Centros Socioculturais, Oficinas de Información á Cidadanía, bibliotecas, etc.

I Feira do Emprego de Santiago de Compostela
A todas as persoas inscritas na Plataforma de intermediación Laboral envíaselles o Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela. Ademais das ofertas laborais, inclúe información sobre como participar na I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, a través da web www.feiradoempregosantiago.org.

Compartir: