TURISMO

O proxecto Atlante organiza un seminario en Santiago arredor do turismo

16/03/2005 O proxecto Atlante ‘Mellorar as Cidades Atlánticas Patrimonio Mundial da UNESCO’, que reúne a cidades de Portugal e Galicia declaradas Patrimonio Mundial pola UNESCO, celebrará o seu terceiro seminario en Santiago de Compostela entre o 17 e 18 de marzo.

O evento, que foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela, na casa do Concello, será inaugurado o xoves 17 de marzo no Centro de Estudos Avanzados da USC (Parque de Vista Alegre, rúa das Salvadas) polo Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e polo vicepresidente da Cámara Municipal de Porto, Paulo Morais, ante máis de 50 participantes procedentes da xestión pública e privada.

No seminario de Santiago, que terá lugar os días 17 e 18 de marzo, debatiranse temas como a creación dun modelo de oficina virtual de turismo, a promoción turística conxunta das cidades patrimonio, o marketing turístico, a xestión comercial e o desenvolvemento sostíbel nas cidades patrimoniais.

Previamente, o mércores 16 ás 18.00 horas celebrarase unha xuntanza do Comité de Dirección do Atlante, integrado por representantes das seis cidades membro e do Eixo Atlántico.

Proxecto Atlante
Enmarcado dentro da iniciativa comunitaria INTERREG III-B e cofinanciado polos fondos FEDER, o proxecto Atlante 2003-2005 reúne ás cámaras municipais de Santiago de Compostela, Lugo, Porto, Guimarães, Évora, Angra do Heroísmo (Azores) e á asociación Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Este proxecto pretende abordar o estudo de temas como o desenvolvemento urbano e patrimonio cultural, accións contra o despoboamento do territorio, a modernización da actividade económica, a implantación de técnicas innovadoras de promoción do comercio tradicional e o apoio ao turismo transversal entre estas cidades.

Cada cidade é responsábel dun proxecto piloto que desenvolverá para que a súa experiencia poida ser compartida e adaptada polo resto dos membros do grupo.

Deste xeito, Santiago de Compostela traballa nun modelo de oficina de turismo virtual en Internet, Porto, nunha "tenda atlántica", Guimarães nun plan piloto de loita contra os incendios e de seguridade nos cascos históricos e Angra do Heroísmo nun plan piloto de accesibilidade e tráfico nos cascos históricos.

Compartir: