CULTURA

As marionetas e a música angolana animarán as rúas e prazas de Compostela

12/08/2010 Os títeres e a mestura de música africana cos sons electrónicos son os protagonistas da xornada do venres 13 do Festival dos Abrazos, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura. Distintos puntos da cidade de Compostela son os elixidos para a posta en escena destes espectáculos, cos que se pretende ofrecer ao público un espazo para gozar e participar das máis diversas producións artísticas.

O Paseo da Alameda acollerá ás 18:00 horas o espectáculo de Títeres da Vía Láctea, no que se representará a obra O ferreiro e o diaño. Será unha mestura de actuacións de marionetas de fíos e siluetas que se basea na adaptación da lenda do Tío Miseria que fixeron os autores brasileiros Tiarajú Gomes e Camilo de Lelis. Os mesmos Títeres Vía Láctea representarán ás 20:00 horas, tamén no Paseo da Alameda, outra obra, titulada Amor e crimes de Juan Panteras. Trátase dunha adaptación dun texto de Blanco Amor no que se presenta a un cornudo vingador que, impotente ante a burla consumada, converte a escena nun cúmulo de cadáveres.

Ás 22:00 horas, os amantes da música africana de raíz con mestura de sons electrónicos teñen unha cita na Zona C para gozar da actuación de Katembe Project. Este conxunto naceu coa idea de difundir o kuduro, un estilo musical orixinal de Angola que arrasa en todo o mundo, e que é o resultado da mestura entre a música tradicional angolana e a música electrónica occidental.

Ademais, durante todo o mes estará aberta na Zona C, de 10:00 a 20:00 horas, a exposición da artista Nuria Ruibal, que baixo o nome O ser humano ante a mirada do outro, ofrece unha colección de traballos no que se fala da vulnerabilidade do ser humano e o seu eu máis íntimo, así como das barreiras das que dispón para defenderse e relacionarse co mundo exterior.

Compartir: