CULTURA

Música dos máis diversos estilos e o mellor de "Curtocircuíto 2010" no Festival dos Abrazos

11/08/2010 A cuarta xornada do Festival dos Abrazos, o xoves 12, trae a música de Los Chavales, Batbirulau, Javi A e Xoán Curiel Cuarteto. Ademais, proxectaranse as melloras curtas do festival Curtocircuíto 2010.

O programa desta xornada inclúe ás 20:30 horas, na rúa de Tras Salomé, o espectáculo de Los Chavales, un conxunto formado por catro músicos habituais da escena compostelá que no ano 2009 crearon un grupo de versión de conxuntos españois dos anos sesenta. Os seus concertos son para o público unha experiencia chea de diversión, baile a gogó e emoción. Xusto antes desta actuación terá lugar o concerto en clave de pedra, metal e balcón do grupo artístico Batbirulau.

A praza do Toural acollerá ás 21:00 horas a sesión de indie, rock e electro de Javi A, no arranque de Curtocircuíto na Rúa. A continuación, a partir das 22:30 horas e no mesmo lugar, presentarase o Palmarés Curtocircuíto 2010, que recolle as mellores curtas da VII edición do festival audiovisual. En total serán sete as curtas que se proxectarán ao aire libre neste día. O obxectivo é que os asistentes voten ao audiovisual que máis lles guste, que será galardoado co Premio do Público na Rúa á mellor curtametraxe.

Ás 22:30 horas, na rúa de San Paio de Antealtares, terá lugar a actuación de Xoán Curiel Cuarteto, que interpretará as pezas recollidas no seu álbum Nai, no que canta á figura da nai e a Terra. Comparten espazo as súas letras e músicas cunha mirada dende Galicia, cunha marcada influencia do espírito da fusión, a través dos ritmos do mundo. Tamén antes desta actuación actuará Batbirulau.

Ademais, durante todo o mes estará aberta na Zona C, de 10:00 a 20:00 horas, a exposición da artista Nuria Ruibal, que baixo o nome O ser humano ante a mirada do outro ofrece unha colección de traballos no que se fala da vulnerabilidade do ser humano e o seu eu máis íntimo, así como das barreiras das que dispón para defenderse e relacionarse co mundo exterior.

Compartir: