CULTURA

Zarzuela en torno ao Quixote con Felipe Bou e Keneddy Moretti

23/12/2005 O V Festival de Zarzuela continúa co baixo Felipe Bou e o pianista Kennedy Moretti, en torno á figura de Don Quixote, a piques de rematar o cuarto centenario da novela cervantina, con pezas de Ravel, Ibert, Massenet, Verdi, Gomes, Vives e Sorozábal. O concerto terá lugar o día 27 de decembro ás 21 horas no Teatro Principal.

Programa:

Parte I
Jacques Ibert (1890-1962): Quatre chansons de Don Quichotte (1931), "Chanson du départ de Don Quichotte","Chanson à Dulcinée", "Chanson du Duc", "Chanson de la mort de Don Quichotte"
Jules Massenet (1842-1912): Don Quichotte (1910), "Seigneur, reçois mon âme", aria de Don Quixote
Maurice Ravel (1888-1976): Don Quichotte à Dulcinée (1932), "Chanson romanesque", "Chanson épique", "Chanson à boire"

Parte II
Giuseppe Verdi (1813-1901): Don Carlo (1867), "Ella giammai m'amò", aria de Felipe II, Ernani (1843), "Infelice! E tu credevi", aria de Silva
Carlos Gomes (1836-1896): Salvator Rosa (1874), "E il foglio io segneró… Di sposo, di padre", recitativo e arioso do Duque de Arcos
Amadeo Vives (1871-1932): La Villana (1927), Canción das xoias: "Allá en la judería toledana" (romanza de David), Maruxa (1914), Canción do Golondrón: "¡Ganapanes! ¡Atrevidos! Es mi sino desgraciado" (romanza de Rufo)
Pablo Sorozábal (1897-1988): La tabernera del puerto (1936), "Despierta, negro, que viene el blanco" (romanza de Simpson)

Patrocinado pola Fundación Caixa Galicia e organizado pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, o Festival consta de catro conciertos que se celebrarán ano Nadal: a soprano valenciá Isabel Monar, o contratenor arxentino Martín Oro e o baixo Felipe Bou son algúns dos participantes, nun programa que inclúe unha parte dedicada ao Quixote e unha homenaxe ao compositor Vicente Martín y Soler.

Felipe Bou (baixo)
Tras licenciarse en dereito en 1990, o baixo español Felipe Bou perfeccionou os seus estudos de canto con Antonio Blancas e Alfredo Kraus. Foi galardoado en diversos concursos de canto nacionais e internacionais, como o Jaume Aragall, o Ville de Toulouse e o Alfredo Kraus, entre outros.
Comezou a súa carreira operística con Marina no Teatro Arriaga de Bilbao, en 1994, e desde daquela presentouse en teatros de prestixio internacional, tales como a Ópera de Frankfurt, Leipzig, Düsseldorf, Roma, Estrasburgo, Capitole de Toulouse, Montpellier, Niza, Avignon, Lieja, St. Gallen, Tokio, Real de Madrid, Liceo de Barcelona ou Maestranza de Sevilla, e festivais como Orange, Bregenz ou Perelada.
Entre as óperas que interpreta figuran Roméo et Juliette, Les Pêcheurs de Perles, Les Contes D'Hoffmann, Fidelio, Die Zauberflöte, Don Giovanni, L'Incoronazione di Poppea, Don Pasquale, Lucia di Lammermoor, Il Barbiere di Siviglia, La Sonnambula, Rigoletto, Il Trovatore, Aida, La Bohème, Turandot e Tosca (destacando a produción conmemorativa do seu centenario, en Roma, con Pavarotti, Zeffirelli e Domingo).

Ten gravadas as óperas Turandot e Gianni Schicchi de Puccini para Naxos e Merlín de Albéniz, xunto a Plácido Domingo, para Decca, ademais de, en dvd, o Don Quijote en Barcelona con La Fura dels Baus.

Felipe Bou tamén desenvolve unha variada actividade como cantante de concerto, destacando as súas intervencións no Stabat Mater de Rossini no Festival de Saint Denis (París) xunto á Orquestra Nacional de Francia, a Messa per Rossini no Festival Radio France (Montpellier), a Novena Sinfonía de Beethoven no Palau da Música de Valencia e La Damnation de Faust no Festival de Música de Canarias.

Kennedy Moretti (piano)
Naceu en Brasil e realizou os seus estudos musicais na Universidade de São Paulo, na Academia Franz Liszt de Budapest e na Escola Superior de Música de Viena. Foi pianista acompañante e asistente musical na Ópera Nacional de Hungría, no Volkstheater de Viena e tamén nas compañías vienesas Neue Oper Wien e Neue Oper Austria. De 1994 a 1999 foi o acompañante exclusivo das clases de Alfredo Kraus na Escola Superior de Música Raíña Sofía en Madrid e nos cursos de verán de Santander.

Actuou nos últimos anos en varias cidades españolas e tamén en Portugal, Francia, Austria, Alemaña, Inglaterra, Suíza, EUA e Brasil. No intenso labor que desenvolve no acompañamento vocal realizou actuacións xunto a cantantes como Aquiles Machado, Ana María Sánchez, Ruggero Raimondi, Milagros Poblador, María Espada, Marina Pardo, Ángel Rodríguez, Mariola Cantarero, etc., e no campo da música de cámara instrumental con intérpretes como Hagai Shaham, Joaquín Torre, Ángel García Jermann, Plamen Velev, José Manuel Román, José Luis Estellés, David Tomás e membros do Cuarteto Casals, entre outros. Dedícase tamén ao clave e no ano 2002 retomou a súa actividade como pianista solista.

Realizou gravacións de obras para piano só e cancións de Helmut Jasbar (con María Espada) para o selo Extraplatte, de Viena, do ciclo Winterreise de Schubert (con Marina Pardo) para o selo Calando, de Madrid, e dun compacto da serie "Compositores de Cantabria" (tamén con Marina Pardo) para a Fundación Marcelino Botín en Santander, ademais de transmisións en directo pola Radio Nacional Austríaca e pola Radio e Televisión Española.

Na actualidade reside en España e exerce a docencia en centros superiores de Madrid, Barcelona e Salamanca.

Documentos relacionados



Compartir: