MOBILIDADE

O Plan de Mobilidade apostará pola redución da incidencia do vehículo privado nos desprazamentos dentro da cidade

10/08/2010 O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, presentou as liñas básicas do Plan de Mobilidade Sostible do Concello de Santiago. Aprobada a contratación do servizo na Xunta de Goberno, o obxectivo é que o Plan poida estar listo para os primeiros meses de 2011.

Carlos Nieves destacou que este Plan pretende "axudar a reducir a incidencia do vehículo privado nos desprazamentos dentro da cidade, así como facilitar a mobilidade, tanto en transporte público como a pé". Incidiu en que o problema fundamental do Concello nesta materia é que "os desprazamentos diarios son moi superiores aos que orixinan os 95.000 habitantes". Así, citou os desprazamentos das persoas da comarca e de fóra da comarca, a comunidade universitaria, as visitas hospitalarias e o turismo.

Os obxectivos do Plan de Mobilidade Sostible céntranse en definir un novo servizo de transporte público urbano e metropolitano; desenvolver novas políticas de tráfico compatibles co apoio ao transporte público, establecer pautas de actuación en materia de estacionamento; integrar nas políticas de mobilidade as actuacións urbanísticas e potenciar os modos non motorizados (bicicleta) e a mobilidade peonil.

Programas de actuación
O Plan concretarase en tres fases: unha de obtención de información, outra de análise e diagnóstico e unha final de redacción. De aquí sairán os diferentes programas de actuación.

Entre estes programas estará un de mellora do transporte público, propoñendo medidas para a mellora do transporte colectivo, frecuencias de paso, deseño de paradas, preferencias nos cruces, implantación de carril-bus, etc, así como as características que deberá ter a flota necesaria.

No eido do tráfico e da ordenación da circulación, a meta é adoptar medidas de apoio ao transporte público, sobre todo no referente á velocidade comercial. Tamén importante cara o tráfico son as medidas urbanísticas, fixando protocolos de actuación para unha integración rápida destas coas políticas de mobilidade.

O programa de aparcadoiros será outro dos eixes deste Plan, determinando zonas de saturación e a conveniencia ou viabilidade de novos estacionamentos en superficie para residentes ou en rotación. Tamén se estudará a situación e capacidade dos estacionamentos soterrados necesarios.

Finalmente, traballarase nun programa de melloras para peóns e ciclistas. Por un lado, delimitaranse zonas de actuación, indicando rúas ou tramos de rúas e prazas que sería conveniente facer peonís. Por outra parte, formularanse propostas para fomentar o uso da bicicleta e de uso compartido das rúas peonís.

O orzamento co que contará a redacción deste Plan de Mobilidade Sostible será de 123.000 euros. Neste sentido, o concelleiro agradeceu a colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), que achegou unha subvención para o financiamento do proxecto.

Compartir: