CONSORCIO

A Oficina de Atención ao Peregrino mellora os seus servizos coa incorporación de novos espazos

10/08/2010 Un convenio entre o Cabildo da Catedral de Santiago, o Consorcio de Santiago, o Xacobeo e o 061 permitiu equipar as novas dependencias rehabilitadas da Oficina de Atención ao Peregrino. A planta baixa conta cun punto de atención sanitaria para os peregrinos.

A Oficina de Atención ao Peregrino, situada no pazo barroco da Casa do Deán, mellorará o servizo aos camiñantes coa incorporación de varias dependencias recentemente rehabilitadas. Froito do desexo do Cabildo catedralicio de continuar na liña de traballo de mellora da atención na recepción aos peregrinos, o Consorcio de Santiago remataba hai un ano as obras de rehabilitación do Patio da Parra, cabaleirizas monumentais e dependencias anexas, espazos que xa están en funcionamento e prestando os seus servizos aos camiñantes.

Agora, grazas a un convenio de colaboración entre o Cabildo da Catedral, o Consorcio de Santiago, a S. A. de Xestión do Xacobeo e o 061 (Consellería de Sanidade), as novas estancias situadas no primeiro andar que rodea o Patio da Parra xa están listas para recibir aos peregrinos e a planta baixa conta cun punto de atención sanitaria. Estes traballos permitirá ampliar o espazo destinado á entrega de credencias para obter a Compostela, documento que acredita ter feito o Camiño de Santiago.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as novas dependencias, acompañado polo deán-presidente do Cabildo da Catedral, José María Díaz; o xerente da S.A. de Xestión do Xacobeo, Ignacio Santos; e o director da Oficina Técnica do Consorcio, Ángel Panero.

Seguindo o convenio de colaboración, o Xacobeo realizou unha achega de 66.224 euros ao Cabildo para o acondicionamento interior e amoblamento destes novos despachos de atención ao peregrino. Á súa vez, o Cabildo encargou ao Consorcio de Santiago a elaboración do proxecto e a dirección da obra. Pola súa parte, o Consorcio cedeulle ao 061 un local situado na planta baixa, con entrada directa dende a rúa do Vilar, para a instalación dun punto de atención sanitaria aos peregrinos. Este espazo foi acondicionado co financiamento do propio 061, que investiu nel 4.896 euros, seguindo tamén a dirección técnica da obra do Consorcio.

Estes traballos de amoblamento inclúen diferentes mesas e mostradores, realizadas en madeira de castiñeiro, o sistema de calefacción e os mobles dos novos despachos administrativos. Tamén se instalou un sistema de xestión de colas, con diferentes pantallas e expendedores de turnos en papel. Ademais está previsto o acondicionamento do espazo de conexión entre as novas e as actuais oficinas.

Os traballos de rehabilitación
Seguindo o proxecto de restauración e rehabilitación do edificio, elaborado pola Oficina Técnica-Obradoiro de Proxectos do Consorcio de Santiago e conforme ao programa de uso facilitado polo Cabildo, o Consorcio realizou en 2009 as obras de recuperación do Patio da Parra, cabaleirizas monumentais e dependencias anexas da Casa do Deán. Para esta obra investiu 607.000 euros, que permitiron incorporar á Oficina de Atención ao Peregrino un total de 830 metros cadrados de superficie útil.

Así, as antigas caballerizas do inmoble convertéronse en salón de estancia e espera dos peregrinos e habilitouse un espazo para consigna de mochilas e aseos, adaptados para persoas con mobilidade reducida e con cambiador de bebés. Na segunda planta recuperáronse os espazos para novos despachos, que agora xa están acondicionados para ser utilizados. Os traballos completáronse cunha restauración vexetal do Patio da Parra, co obxectivo de crear un espazo verde de acollida no corazón monumental do casco vello. Ademais do tratamento fitosanitario da parra histórica plantáronse outras especies e herbas aromáticas.

Documentos relacionados



Compartir: