EMPREGO

A busca de traballo será un dos temas de análise na I Feira do Emprego de Santiago

04/08/2010 A busca de emprego é un dos temas que se analizará na I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, e que se celebrará o 7 e o 8 de outubro no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (Cersia), situado en San Lázaro. Están previstas dúas ponencias-obradoiro nas que se explicará a importancia da formación na procura de traballo e como abordar a busca de emprego en tempos de crise.

Busca de emprego: a importancia da formación será impartida por Marisol Vázquez Suárez, licenciada en Relacións Laborais e postgrao en Especialización en Práctica Laboral e Recursos Humanos pola USC. Cunha duración aproximada de 45 minutos, este relatorio analizará como axuda a formación no ámbito profesional e como mellora as expectativas de integración laboral. Unha vez rematada a explicación teórica, as persoas participantes terán a oportunidade de analizar as súas posibilidades formativas.

Como abordar a busca de emprego en tempo de crise será impartida por Elisa Rodríguez Hernández, licenciada en Psicoloxía Industrial pola Universidade Complutense de Madrid, e ata o 2009, xerente de Desenvolvemento de Recursos Humanos de R Cable e Telecom. Dura 45 minutos e ten como obxectivo explicar como o coñecemento do mercado, a planificación na procura de emprego, a formación orientada a uns obxectivos profesionais e o coñecemento das competencias da persoa demandante reforzan a súa autoconfianza e motívana no proceso de busca de emprego. Unha vez rematada a parte teórica, as persoas participantes terán oportunidade de definir os seus obxectivos profesionais, coñecer a oferta laboral e que tipo de profesionais buscan as empresas, elaborar o seu currículum, e coñecer distintas pautas para abordar, o mellor posible, as entrevistas de selección de persoal.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, na que colaboran as entidades que integran o Pacto Local polo Emprego, ten como finalidade servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Preténdese así facer posible un intercambio de información, contribuír a un mellor coñecemento do mercado laboral por parte de todos os axentes implicados e, en definitiva, facilitar os procesos de inserción laboral.

A feira está dirixida a persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego, e a empresas que precisen incorporar persoal. As persoas e entidades interesadas en participar, poden informarse e inscribirse no espazo web da feira www.feiradoempregosantiago.org. A participación é gratuíta.

Compartir: