CULTURA

O Festival dos Abrazos encherá de actividades os parques e rúas de Compostela durante o mes de agosto

03/08/2010 O Festival dos Abrazos, que organiza a Concellaría de Cultura, volve aos espazos singulares de Compostela este mes. Do 9 ao 29 de agosto prazas, rúas, parques, xardíns... e ata escaparates da cidade convértense de novo en escenario da creación, por terceiro ano consecutivo.

Máis de 80 actividades, dende pequenas intervencións a grandes espectáculos, conforman un programa no que atopan lugar as máis diversas propostas culturais galegas e internacionais no eido da música, as artes escénicas, o circo, o audiovisual, as performances ou as artes plásticas.

O Festival dos Abrazos aborda en 2010 a súa terceira edición, convertido xa en cita de referencia no verán compostelán, tanto para os veciños e veciñas da cidade como para os visitantes. Diferentes culturas, artistas e estilos abrázanse provocando sorpresas inesperadas.

Unha oportunidade de ver e participar
Esta nova edición do Festival dos Abrazos foi presentada pola concelleira de Cultura, Socorro García Conde; o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; o director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; e a representante da Asociación Cultural Cidade Vella. No decurso do acto tamén fixo unha pequena exhibición de danza a bailarina Marta Alonso Tejada, cuxa actuación se inclúe no programa de actividades do festival.

Na súa intervención a concelleira de cultura salientou a boa acollida que en anos anteriores tivo o Festival dos Abrazos e agradeceu a todos os patrocinadores e colaboradores a súa axuda para que a iniciativa volva a Compostela un ano máis. Socorro García Conde lembrou que a súa filosofía "non é a dun gran espectáculo que dá que falar un día, senón a dun conxunto de experiencias diarias". Así, destacou que as actividades programadas ofrecen a oportunidade "non só de ver, senón tamén de participar", o que dota ao Festival dos Abrazos dun compoñente especial e diferente que o diferencia doutras iniciativas. "O Festival dos Abrazos é unha amalgama de proxectos distintos e tamén un espazo que quere acoller novas e diferentes iniciativas artísticas", apuntou.

Compostela: escenario máxico
Cidade Patrimonio da Humanidade, Compostela amósase coma un escenario máxico para a creación artística. Dende as prazas e rúas máis coñecidas e transitadas, polas que discorre a vida cotiá, ata ruelas, soportais, recunchos verdes, cemiterios... énchense de actividade co Festival dos Abrazos. Espazos para descubrir ou redescubrir con outros ollos, que son tan protagonistas do festival coma os propios artistas. Agosto convértese nun mes para vagar pola cidade á busca de concertos, instalacións, representacións e os máis variados espectáculos.

As propostas da cidadanía nos Abrazos Off
Como xa sucedeu o ano pasado, o Festival dos Abrazos conta cunha sección, os Abrazos OFF, que abre o festival ás propostas da cidadanía. Esta sección busca ser escaparate das propostas máis arriscadas e novidosas do tecido creativo compostelán e galego. De entre todos os proxectos artísticos presentados, foron seleccionados tres, atendendo á súa calidade, á súa adecuación ao festival e á súa singularidade. Grazas a eles os composteláns e visitantes poderán gozar do rock "serie B" de Ataque Escampe, a mestura da música e o audiovisual de Modulok Trío, a danza de Marta Alonso Tejada ou o pop-rock galego de Roberto Sobrado.

Un mes cheo de espectáculo
A programación do festival arrinca o luns 9 de agosto cun pasarrúas inaugural que, partindo da praza do Toural, percorrerá a cidade vella. A partir dese momento máis de 80 actividades das máis diversas disciplinas artísticas espallaranse pola cidade, por rúas, prazas, parques, xardíns... e ata escaparates. A derradeira fin de semana de agosto será tamén a derradeira do festival, que celebrará a Festa dos Abrazos o sábado 28 na Carballeira de Santa Susana, unha última noite de festival chea de música de diferentes estilos, desde o folc ata o rock. O domingo 29, dende as 14:00 horas, a Zona C acollerá a Festa Feito a Man, unha romaría que se prolongará toda a tarde e na que non faltarán os postos para xantar, música en directo, DJ’s e moito espectáculo.

As liñas da programación
Cada día da semana ten unha disciplina artística coma protagonista destacada. O luns pequenos e grandes poderán gozar co circo e o clown, cos cabarés acrobáticos de Pista Catro no cemiterio de Bonaval ou os números de Boneca Larena na Alameda. O martes cobra un protagonismo especial a programación do Feito a Man, da Asociación Cultural Cidade Vella, a través da instalación artística O becerro de ouro, da man de a_túa, que percorrerá diferentes rúas da cidade histórica.. O mércores chegan as singulares propostas de artes escénicas en formato mínimo, coma o Conversatorio de Quico Cadaval ou Entras? de Carmen San Estaban, unha representación para un espectador. O xoves as proxeccións audiovisuais de Curtocircuíto na Rúa percorren as prazas da cidade vella, mentres o venres a música electrónica enche a Zona C de enerxía, dende o kuduro de Katembe Projet ata as mesturas de Beatspoke. E na fin de semana o Festival dos Abrazos énchese de música de aquí e de acolá, mestura de ritmos e influencias, con directos psicodélicos como o de Modulok Trío, o vallenato colombiano de Antonio Rivas Trío, a máis tradicional Banda de Música de Merza, a música de raíz da caboverdiana de Danae, ou rock en galego de Tapiporla e Os Royalties.

O Festival dos Abrazos, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, e do Consorcio de Santiago. Colaboran con esta iniciativa a Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a man, integrada no Festival dos Abrazos; a Concellaría de Medio Ambiente; Curtocircuíto; o Festival de Cine Árabe Amal; e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Compartir: