XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica a reposición de beirarrúas na cidade

03/08/2010 Na súa sesión ordinaria, a Xunta de Goberno aprobou diversos asuntos en materia de contratación. Entre eles, adxudicou provisionalmente o proxecto de reposición de beirarrúas.

A adxudicación das beirarrúas realizouse segundo a mellor oferta de prezos unitarios. En particular, destínase unha partida de algo máis de 500.000 euros para estas obras, 408.000 euros neste exercicio e outros 102.000 no seguinte.

Tamén en materia de contratación, iniciouse o expediente para determinar a empresa que realizará o deseño, desenvolvemento, subministración e instalación dos recursos interpretativos e expositivos para a musealización do centro de interpretación do medio urbano e natural de Santiago de Compostela, cun tipo de licitación de 232.217 euros (IVE incluído).

Outro procedemento que se inicia é o de contratación das obras de acondicionamento dos accesos ao Parque de Vista Alegre, cun tipo de licitación de 123.041 euros (IVE incluído). Noutro parte, no Alameda, realizaranse obras de mantemento nos paseos centrais, neste caso por 33.199 euros.

Acórdase igualmente a contratación dun estudio diagnóstico sobre a previsible incidencia na ordenación dos núcleos rurais do PXOM de Santiago derivada da súa adaptación á Lei 2/2010, do 25 de marzo, que modifica a Lei do Solo. Estímanse uns honorarios de 17.600 euros máis IVE e un prazo máximo de 5 meses para presentación do traballo final.

Uso extraordinario dos pavillóns deportivos
A proposta dos concelleiros de Seguridade Cidadá e de Deportes, concédese o uso do estadio municipal de San Lázaro e de diversos polideportivos con mor da Peregrinación Europea de Xóvenes 2010. No primeiro dos casos a autorización é para os labores de montaxe de dous actos previstos os días 7 e 8 de agosto. Os polideportivos e xornadas autorizadas son: Apóstolo Santiago (4 ao 8 de agosto), Colexio de Vite (5 ao 8 de agosto), Vite (6 ao 8 de agosto), Pío XII (6 ao 8 de agosto), Lorenzo de la Torre (5 ao 8 de agosto) e Quiroga Palacios (6 ao 8 de agosto). O total a aboar polo uso dos devanditos polideportivos será 9.578 euros.

Festivos Locais
Como cada ano, aprobáronse, unha vez recibido o calendario de festivos para 2011, as datas de festas locais. Novamente serán festivos locais o día da Ascensión e San Roque.

Áreas de residentes
Finalmente, aprobouse a proposta de barrios e rúas que se beneficiarán do establecemento de áreas reservadas ao estacionamento de residentes. A elección destes barrios e a previsión para a progresiva instalación destas áreas fora explicada en rolda de prensa pola concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano.

Documentos relacionados



Compartir: