COMERCIO

Oikos, Como pez en el agua e Óptica Pontecastro, premiados na edicion de verán do Concurso de Escaparatismo

02/08/2010 Oikos Mobiliario, Como pez en el agua e Óptica Pontecastro, son, por esta orde, os tres establecementos premiados na edición de Verán do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

Dirixido a todos os comercios de Santiago de Compostela, este certame ten como obxectivo contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe. A edición de verán do concurso destina 10.308 euros a premios. Os establecementos gañadores recibirán unha campaña publicitaria gratuita en medios de comunicación locais por valor superior a 5.000 euros para o primeiro clasificado, a 2.000 para o segundo e a 1.500 para o terceiro.

O establecemento clasificado en primeiro lugar foi a Oikos Mobiliario, unha tenda de mobles situada na rúa da República Arxentina, número 46. O xurado valorou a orixinalidade e impacto visual do escaparate, no que unha persoa pinta un cadro no medio dun salón. O segundo premio acadouno Como pez en el agua, unha tenda-obradoiro de artesanía situada na rúa de San Pedro, número 79. O xurado valorou a ambientación, de estilo campestre, e a correcta disposición dos obxectos no espazo, combinando perfectamente elementos naturais cos produtos que se comercializan. O terceiro premio foi para Óptica Pontecastro, localizada na praza do Doutor Puente Castro, número 6. O xurado tivo en conta a orixinalidade da composición, cun mesmo fondo cromático, no que se van introducindo, xunto aos produtos expostos, elementos relacionados coa natureza.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou, tal e como establecen as bases, conceptos como a orixinalidade, ambientación e a eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. A decisión, na que prima tanto o escaparate como o interior do comercio, tomárona despois de analizar as fotos dos estabelecementos participantes, das que se pode ver unha selección na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org.

A edición de verán do Concurso de Escaparatismo enmárcase na liña de dinamización comercial do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña. No certame, organizado por Promoción Económica e Comercio dende o ano 2004, colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTÉS, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, a Asociación de Comerciantes do barrio de San Pedro, Euroconsumo Galicia e o Grupo Correo Gallego.

Compartir: