EMPREGO

O proxecto Antares distingue coa Vieira ao programa de inserción laboral Persoa IV

30/07/2010 O Proxecto Educativo Antares concedeulle a III Vieira Antares ao programa de inserción laboral Persoa IV, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. A distinción recolleuna o responsable de emprego, en nome do concelleiro, Xosé Manuel Iglesias.

Segundo explicaron dende a dirección da escola infantil, con esta distinción queren recoñecer a "súa sensibilidade ante a necesidade de prevención dos problemas no desenvolvemento na infancia para por en marcha programas de seguimento, apoio e asesoramento familiar e escolar". Ao acto, celebrado no local social da parroquia de San Fernando, asistiron un centenar de persoas, entre país e alumnado da Escola Infantil Rubido Romero Antares.

No Proxecto Persoa IV participan participan 120 persoas, divididas en dúas quendas de 60, que se forman en especialidades vinculadas cos servizos ás persoas, nas que se detecta unha alta demanda laboral. A primeira quenda finalizou en xaneiro pasado cunha porcentaxe de inserción do 47%. A segunda quenda comeza agora a fase de inserción laboral, unha vez rematadas as prácticas. Esta semana finalizou as prácticas o alumnado de Auxiliar de axuda a domicilio e Especialista en asistencia persoa. O día dous acabaron os/as participantes en Atención Temperá, e o pasado día 15 o alumnado de Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio. Ata o momento, 30 persoas, o 50% das que participan na segunda quenda do proxecto accederon ao mercado laboral. Tres son homes e 26 mulleres.

O Proxecto Persoa IV ten como obxectivo promover a integración laboral de persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos de difícil inserción. Todos/as os/as usuarios/as do programa participan nun proceso integral de inserción denominado Itinerario de inserción sociolaboral. Este proceso estrutúrase en varias fases, algunhas delas superpostas: acollida inicial, na que despois dunha entrevista en profundidade se define a situacion da persoa participante (formación, situación laboral, expectativas, etc.) e se deseña o plan de inserción; orientación en base ás capacidades e potencialidades da persoa usuaria; titorías, nas que se reforzan os obxectivos e potencialidades para incrementar a autonomía da persoa demandante, sobre todo na procura de emprego; formación (que inclúe un período de prácticas en empresas) e acompañamento á inserción.

Tanto na primeira quenda como na segunda, focalízase a atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos/as. Ademais de traballar a inserción laboral, o Persoa IV incide así na cobertura de servizos sociais fundamentais. Promocionando este tipo de políticas, cúbrese unha demanda social, e avánzase, ao mesmo tempo, cara unha sociedade do benestar. Integrado no Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, o Persoa IV esta cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Compartir: