PLENO

A concelleira de Circulación Viaria recorda que as 14 obras en marcha coinciden por "razóns alleas ao Goberno municipal"

29/07/2010 A concelleira de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, compareceu a petición propia na sesión ordinaria do Pleno municipal para explicar os problemas de tráfico derivados das obras que están en marcha na cidade. En total son 14 as obras en marcha, que supoñen un investimento de 40 millóns de euros.

Recoñecendo as molestias que estas obras traen aos cidadáns, a concelleira indicou que "os cidadáns deben saber que estes fondos ou se executan agora ou non se executan. Non había máis opcións e nin tan sequera algunhas Administracións nos deron a oportunidade de prorrogar a execución dalgún dos investimentos". Segundo insistiu, "a decisión de non realizalas agora sería ao noso xuízo unha irresponsabilidade".

Sobre a situación das diferentes obras, comezou falando das do Casco Histórico. En particular, recordou que nestes momentos está cortada a circulación na costa do Cruceiro do Gaio e a travesa do Cruceiro do Gaio, "corte que ten como obxectivo avanzar na execución da mesma no período dende que remata o curso escolar e comeza o seguinte".

Comentou tamén que a execución da obra do túnel do Hórreo "vai mellor do establecido inicialmente e, con toda probabilidade, inaugurarase antes da data prevista". Lembrou que dende o 17 de xullo está restablecido provisionalmente o tráfico en superficie e que se estableceron dúas rotondas provisionais nos lugares onde se construirán as definitivas.

A propósito da obra en República do Salvador, nestes intres está cortado o tramo entre Doutor Teixeiro e Xeneral Pardiñas. Na segunda fase cortarase ao tráfico o tramo entre a rúa do Hórreo e Doutor Teixeiro. Resaltou Álvarez-Santullano o bo ritmo que leva esta obra.

"A rúa Irmáns Alvite rematará no mes de agosto, tal como estaba previsto, e a rúa López Ferreiro, que tamén se cortou ao tráfico, vai ao ritmo previsto; mentres se manteña o corte nesta rúa inverterase a circulación da rúa Eduardo Pondal", indicou.

Xa respecto ás travesías, afirmou que a avenida de Castelao está "practicamente rematada" e unicamente falta por rematar a rotonda na confluencia desta coa rúa Ulpiano Vilanova. Tras incidir na dificultade da obra do tramo entre Romero Donallo e A Rocha, apuntou que "se están utilizando como alternativas as rúas dos novos polígonos que discorren paralelas a esta entrada na cidade".

Finalmente, a edil falou da reurbanización do tramo Galeras – Salvadas – Vista Alegre, "unha das que máis urxía o seu arranxo e a que máis dificultades entraña". Por iso, dixo "alongouse o horario de traballo ata as doce da noite e os sábados". "Hoxe está cortada ao tráfico entre Entregaleras e Presidente Salvador Allende, e o resto da rúa permanece cun único carril de circulación en dirección a Vista Alegre. A consecuencia disto, inverteuse a rúa de Poza de Bar, dende a carballeira de San Lourenzo, para axilizar a entrada na cidade", engadiu.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, acordouse por unanimidade a ampliación de usos na reserva de equipamento deportivo R-10 do Plan Parcial do SUP-4 de Conxo. Así, xunto co uso deportivo, autorízanse o sanitario, o asistencial, o docente, o sociocultural e o administrativo. Esta ampliación de usos obedece á solicitude do Servizo Galego de Saúde para a construción dun centro de saúde en Conxo.

Ademais, aprobouse inicialmente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal en execución dunha sentenza anulatoria no Polígono 42 do Cruceiro da Coruña. A sentenza obraba á Administración a cualificar como solo urbano consolidado o devandito polígono, en vez da categoría de solo non consolidado que tiña.

Outro dos asuntos aprobado, neste caso definitivamente e por unanimidade, foi o estudo de detalle do Polígono 39 (P-39) de Casas do Rego. Este estudo actúa sobre unha peza de 8.546 metros cadrados, na que se ordena un volume edificable de 4.476 metros cadrados construídos, con destino a uso residencial, a partir da rehabilitación de construcións existentes e a creación doutras.

Compartir: