MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente subvenciona as plantacións forestais nos montes de Compostela

29/07/2010 O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou na súa edición do 28 de xullo as Bases para o outorgamento de subvencións para plantacións forestais en montes do Concello de Santiago. Destínanse 8.000 euros para contribuír a sufragar as plantacións forestais por particulares e asociacións realizadas durante o ano 2010.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais, a partir de hoxe, e poderán solicitar as axudas as asociacións veciñais e particulares de Santiago que sexan propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias de terreos que cumpran cos requisitos e obrigas que marca a lexislación vixente. Todas as solicitudes terán de ser entregadas no Rexistro Municipal.

A concellaría do Medio Ambiente destinará a estas subvencións ata 8.000 euros, aboando ata un máximo de 900 euros a cada particular sempre e cando o montante global das axudas non supere a cantidade total dos 8.000 euros.

Especies subvencionadas
As especies subvencionadas son o carballo, o bidueiro, o castiñeiro, a nogueira, a cerdeira, o ameneiro e o carballo americano. A contía subvencionada é de 3 euros por planta autóctona e de 1,5 euros no caso do carballo americano. Serán plantas de como mínimo 50 centímetros de altura e deberán poñerse en parcelas de cando menos 500 metros cadrados de extensión, respectando as distancias mínimas e as densidades de plantación especificadas nas bases.

As bases desta convocatoria poderanse recoller na Sección de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela, Teléfono 981 543 147 e na oficina de atención ao cidadán, teléfono 981 543 128, nesta páxina web ou na da Concellaría de Medio Ambiente: www.compostelaviva.org

Compartir: